Hoxe incursionamos na ilusionante aventura dun home que leva na ollada e nas mans a forza inconmensurable e orixinal do Homo artisticus, que dialoga coa vida cotiá sempre experto e habelencioso, dende a cordialidade sensible da Historia, de aquí e de sempre.
Dínolo ben Manuel Teira no prólogo ao catálogo da exposición presente no Museo Valle-Inclán, da Pobra: «Entrar no mundo de Domingo Regueira é entrar na maxia druídica do dolmen de Axeitos ou da pedra Leirada». Porque sabemos, os que o coñecemos e queremos, que o seu empeño xira invariablemente ao redor das raíces e do patrimonio de noso. O seu é buscar, estudar, denunciar, dar a coñecer vestixios, ignorados ás veces, que esperan a redención e a supervivencia do seu testemuño.
Tamén nolo di Antonio González Millán, director do museo, no seu limiar: «Estes Borranchos seus, presentados como aproximación persoalísima do mestre á obra de Valle-Inclán, son un exemplo de diálogo conveniente entre as artes visual e escrita, unha sorte de láminas ilustradas de inspiración literaria onde a inventiva e a técnica da tinta artística harmonizan cun gran resultado plástico».
Augadas costumistas
É certo, amigo Teira, que con Domingo «aprendemos a amarmos o noso». Unhas augadas costumistas, de técnica e composición axustadas, escura cor de terra e nostalxia, «que contribúen a encadrar e a definir ese carácter telúrico e de vella lembranza apropiado ás memorias» -que nos di Antonio-, nas que apreciamos a forza dos Esperpentos, das Comedias Bárbaras, do Xardín Umbrío, das Sonatas, d’A lámpada marabillosa... e esa intensidade tráxica e deformada da súa estética expresionista, que o sitúa nos cumios privilexiados da auténtica creación.
Domingo Regueira coñece moi ben a Valle. Por iso é quen de o interpretar con mestría e virtuosismo. Porque hai comuñón e recoñecemento. Custoulle dar este paso, expoñerse á crítica e á intemperie do aplauso, pero finalmente, polo ben da arte e da amizade, témolo entre nós, musealizado, sentimental, caricaturesco e poético, amante do enigma dos soños e da razón que, sabemos, produce monstros. Pero monstros xeniais e gozosos.
En Domingo Regueira a arte non é descuberta senón invención, tratamento orixinal, abraio. O mundo sagrado da tradición, a lenda e o mito son nel reinterpretación, esteo chantado na imaxinación, que nos orixina e sostén arredor de nós e globais, transcendentes de terra e utopía. Unha arte que consagra e desacraliza, instaura e rexeita coa mesma lexitimidade. Porque, sendo un serial de «divinas palabras», Domingo é quen de achegarnos, de primeira man, a ese universo sensible do paradoxo e da conmoción esperpéntica e irreverente. Un mundo de espellos rotos e embazados que nos devolven o rostro simbólico, ermo e atribulado de todos os Max Estrella que nos apesaran. E que nos habitan.