Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Manuel Ruiz Rivas: «O labor da corporación é un exemplo no panorama político»

BARBANZA

MARCOS CREO

Destaca a importancia dos acordos acadados polos partidos para sacar adiante proxectos e di que o salón de plenos é un lugar de entendemento

15 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Orexedor Manuel Ruiz ten unha visión definida do camiño que debe seguir un municipio como Ribeira para manter a súa puxanza como cabeceira de comarca e para atender os novos retos e demandas da sociedade. Buscar un maior protagonismo dos cidadáns no devir cotián é o eixo da acción do Concello.

-¿O éxito do plan de transporte Move ratifica a aposta do Concello por un cambio no que respecta á mobilidade?

-Este cambio estase a producir en todo o mundo e Ribeira ten a vantaxe de contar cunha ferramenta neste eido, que é o plan de mobilidade, para acertar no camiño. Conceptos como cambio climático e accesibilidade teñen que verse reflectidos nas nosas actuacións. O plan Move está a ser un éxito. No último mes houbo 14.000 usuarios e desbordáronse as expectativas. Xa hai máis de 2.800 persoas que teñen a tarxeta e en breve teremos que ampliar o número. Isto significa que un 10 % da poboación xa a ten, o que ratifica a idoneidade da medida tomada. Algún concello da bisbarra xa se interesou por ela.

-¿Aumentaranse as rutas?

-Ampliar as rutas é difícil porque non hai demanda, salvo no verán. O que si se pretende é que un maior uso do transporte público leve implícito un aumento das frecuencias e do número de paradas, buscando cubrir maior franxa de territorio. Agora gustaríanos que a Xunta nos incluíra no plan de transporte que está a elaborar.

-En materia de accesibilidade tamén se avanzou na peonalización, ¿os receos iniciais estanse a disipar?

-Creo que, na actualidade, ninguén apostaría por abrir ao tráfico de novo o tramo de estrada que vai do Malecón á praza do Concello. Nas parroquias vexo certas reticencias á hora de incorporar estes novos hábitos, pero é un proceso que se deu en todos os pobos e cidades. Acabará sendo un costume viaxar en coche só para o indispensable.

-Con estes cambios, a circunvalación é indispensable.

-O estudo ambiental e o trazado da primeira fase xa saíron a licitación. É unha obra que podería ser incluída nos orzamentos da Xunta para o ano 2020. A nivel circulatorio, cos cambios feitos non hai unha maior incidencia nas retencións, pode haber tapóns puntuais. O tráfico é máis lento, pero a DGT propón a circulación a 30 quilómetros por hora nos cascos urbanos e, no caso de Ribeira, existe un acordo plenario para reducir a ese límite a velocidade na avenida do Malecón e na rúa Rosalía de Castro.

-Neste mandato, todos os partidos foron quen de chegar a acordos en asuntos estratéxicos, ¿que valoración fai?

-O labor da corporación é un exemplo no panorama político. Fomos quen de acadar importantes acordos. Parece que as tensións están máis fóra do salón de plenos, que é un lugar de entendemento, consenso e cesións. Respírase un certo espírito da transición.

-¿Que servizos considera esenciais e que por agora aínda non se materializaron?

-Hai varios que están en vías de solución, como o polígono industrial, a estación de autobuses o auditorio e a comisaría. Estamos a redactar o proxecto da estación e gustaríame que en breve saíse a licitación a obra das dependencias da Policía Nacional. Na unidade técnica están a facer uns cambios no proxecto. En canto a cuestións que aínda non están en curso, aínda que si xestionadas, figura a remodelación e ampliación do centro de saúde de Ribeira, que creo que é necesaria.