Pepe Vila: «Tardaremos máis ou menos, pero a eutanasia será unha realidade»

BARBANZA

Bota en falla unha maior divulgación das vantaxes do testamento vital
11 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Gran amigo de Ramón Sampedro, Pepe Vila foi un dos encargados de manter viva a súa loita a prol da eutanasia. Con este fin impulsou, hai un par de anos, Dereito a Morrer Dignamente (DMD) Barbanza. O colectivo iniciaba a súa andaina coincidindo coa posta en marcha dun rexistro de instrucións previas no hospital comarcal. O servizo cualificábase de gran reto cumprido, pero hoxe, tendo en conta que só 34 persoas o empregaron, o veciño de Xuño non agocha a súa desilusión e a súa rabia.
-¿A que atribúe a escasa demanda que rexistra o servizo?
-A unha falla total de información á cidadanía por parte das institucións. Eu, como persoa interesada no tema da morte digna, falo en ocasións coa xente e todo o mundo coincide en afirmar que, chegado o momento, non quere sufrir. Pero a xente segue a ignorar como está a lei en Galicia. Moitos pensan que teñen que acudir ao notario para elaborar o testamento vital.
-¿Quen tería que facer ese traballo de divulgación?
-A institución pública do Sergas, por suposto. Existe unha lei e hai que dala a coñecer. Esa é a causa pola que temos que loitar agora, pedir que se poñan en coñecemento da cidadanía os dereitos que ten en relación coa morte digna.
-¿Cal é nestes intres a gran reivindicación?
-O ideal sería que se facultara aos médicos de tódolos centros de saúde para informar aos pacientes sobre o testamento vital e incluso para que eles puideran tramitalo.
-Despois do empeño posto na consecución deste rexistro, ¿séntese defraudado?
-Claro que si. Cos medios que temos, nós non podemos facer moito máis. Eu o ano pasado levei revistas de DMD aos centros de saúde e ás oficinas de Servizos Sociais e, nalgúns puntos, foron retiradas.
-¿Pensa que se a xente tivera información esa cifra de testamentos vitais veríase incrementada?
-Non teño dúbida algunha ao respecto. A tódalas persoas ás que lle expoño o tema ven o testamento vital como algo fundamental, se ben é certo que as persoas nunca queremos pensar na morte.
-¿Cal é para vostede o gran beneficio dese testamento vital?
-Eu fun testemuña en varias ocasións deses beneficios, pois acompañei a varias persoas na recta final das súas vidas. Unha delas, un amigo meu que sufría esclerose lateral amiotrófica. A súa calidade de vida cambiou radicalmente desde que asinou o documento, porque sabía que era el o que ía decidir ata onde quería chegar, el poñíalle límite á dor que lle ocasionaba a súa enfermidade. Tanto era así que nunca saía da casa sen levar o testamento vital, aínda que sabía que non era necesario, pois estaba incluído na súa historia clínica. Asinar o documento proporcionoulle un ben psicolóxico enorme, ao tempo que lle permitiu elixir o momento da sedación. Á tranquilidade de saber que un non vai estar sufrindo tirado nunha cama súmase tamén a liberación da familia, que non vai ter que enfrontarse a difíciles decisións.
-Este testamento vital é un paso, pero loxicamente non é o fin último...
-O fin último é que as persoas teñamos dereito á eutanasia. Aínda que hai quen non o cree así, eu penso que se conseguiu avanzar moito desde a morte de Ramón Sampedro e os pasos que se deron son firmes. E no que respecta á eutanasia, ten que ocorrer o mesmo, a lei ten que contar con tódalas garantías xurídicas, polo que non é un tema doado.
-¿Pensa que se vai conseguir ese gran reto?
-Tardaremos máis ou menos, pero a eutanasia será unha realidade, seguro. Imos conseguilo a pesar de que a política dexenera ata o punto de que os partidos están para os gobernantes por riba das vontades das persoas, que xa non son tidas en conta.