Traballa para a firma multinacional Boston Scientific, no departamento de control do ritmo cardíaco en Madrid
13 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Que é o que guía os pasos dunha persoa cara o seu futuro? Ás veces hai detalles que poden asemellar insignificantes, pero que rematan por inclinar unha balanza invisible. Cando pasou do CPR Bayón ao IES Número Un, na de Ana Sampedro Prado (Ribeira, 1995) xuntáronse nunha mesma bandexa o soño de que o seu oficio puidera deixar unha pequena pegada contribuíndo a construír un mundo mellor e moreas de bloques de pezas de Lego. Aquela estudante de secundaria que dubidaba entre un feixe de enxeñerías, Medicina, Arquitectura e ata Xornalismo, foi a que, a través dunha excepcional profesora de Tecnoloxía -Emma Vedo- e a participación nun proxecto nacional de robótica, entendeu que a ciencia chamara á súa porta.
Na actualidade, e lonxe da secundaria, poderíase dicir que esta ribeirense forma parte desa sístole e diástole que conforman os distintos equipos de traballo e investigación chamados a descubrir e materializar os avances médicos que posibilita o paralelo. Dende o departamento de control do ritmo cardíaco da sede madrileña da multinacional Boston Scientific, Sampedro forma parte deses latexos diarios que contribúen a cambiar o futuro da sanidade e, polo tanto, da calidade de vida da humanidade.
Na vangarda
«Ver a finalidade moi preto, estás a facer cousas diante da pantalla dun ordenador que sabes que terán aplicación na saúde da xente ou para que todo sexa máis fácil en hospitais», esta é a resposta de Ana Sampedro a cal é o motor da súa actual profesión, un sector en pleno crecemento e auxe que muda cada día e que esixe unha formación continua.
Esta moza soubo do grao en Enxeñería Biomédica da Universidad Carlos III de Madrid -na súa denominación oficial, Degree in Biomedical Engineering, unha nova titulación que só conta cunhas cinco promocións- pola experiencia dunhas amigas da familia. Baixo ese pretexto, e tras unha boa nota, a ribeirense fixo as maletas e marchou á capital: «Foi un cambio grande, na miña clase había moitísimo nivel», lembrou a enxeñeira da súa chegada ao campus de Leganés, unhas instalacións caracterizadas polos modernos recursos e onde se puxo baixo as ensinanzas de docentes que á súa vez eran doutores e investigadores que desenvolvían distintos proxectos en centros sanitarios de referencia nacional, como o Hospital Gregorio Marañón. Da súa alma mater saen modernos prototipos como unha impresora 3D de pel.
Así foi como se formou nas distintas áreas desta disciplina, un amplo abano que a levou a estudar conceptos técnicos que pasaron dende a mecánica de fluxos e dinámica de sólidos ao abecé dun médico, como a anatomía.
Simbiose tecnolóxica
A simbiose destes coñecementos, a física e as matemáticas aplicadas á sanidade, levárona a versarse no emprego da electrónica, por exemplo, para afondar na cardioloxía. Precisamente, o traballo de fin de grado (TFG) de Ana Sampedro foi elaborado dende o servizo de cardioloxía do Gregorio Marañón. A barbancesa desenvolveu unha ferramenta de software que analizaba sinais cardíacas rexistradas cun dispositivo e as contrataba realizando un mapeado óptico.
Ao graduarse, non estaba segura de se seguir formándose nun sector tan amplo a través dun máster que lle abrise as portas ao doutoramento ou se acceder directamente ao mercado laboral. Mentres preparaba os papeis para largarse a Alemaña ou Reino Unido, optou por unha elección complementaria para presentarse e rematar conseguindo a beca coa que traballará na súa actual empresa durante un ano.
Sampedro exerce a diario, tanto dende a oficina como dende os distintos centros hospitalarios que visita, unha cuestión fundamental na súa profesión: «Debera haber máis departamentos de hospitais que conten con equipos de enxeñeiros. As ideas nacen xuntas, desa simbiose na que se aportan as distintas visións».
A pesar de certa precariedade na inversión e contratación pública fronte a outros países, a profesional é optimista sobre o papel de España e o seu aporte internacional e ten claro que «a investigación é un camiño a longo prazo, un investimento que tamén repercutirá economicamente, pero que non podemos permitir que se estanque».
Retos de futuro: Neste sector abórdanse proxectos ligados coa biomecánica, por exemplo para facilitar a realidade diaria de persoas con mobilidade reducida, do tratamento da imaxe para obter diagnoses precisas ou de calquera avance que mellore a calidade de vida de pacientes crónicos.