As Nosas Señoras

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

23 abr 2019 . Actualizado a las 10:34 h.

O incendio da catedral de París avivou o debate sobre a conservación do patrimonio cultural, pero tamén sobre os criterios de restauración trala desgraza. A confrontación entre a nostálxica visión coa que o pobo ve que debe ser atallada e os parámetros que aplican os arquitectos, tendo en conta o que establece a Carta de Venecia e outros convenios internacionais, chega a facelos irreconciliables. Aínda saltan chispas entre os fregueses cando acoden ás misas no santuario da Barca, en Muxía, cando xa pasaron catro anos dende a súa restauración. Da capela da Mercé, na Pobra, as únicas voces que se escoitan son as de abandono, cando xa pasaron tres décadas dende o fatal incendio que destruíu o priorado, pero trátase dun episodio de similar estrutura. Ámbolos dous inmobles perderon relevantes retablos barrocos, que en Notre Dame parece que se salvaron.

As primeiras imaxes que nos chegan da nova cuberta do templo, totalmente vidrada e cunha agulla de vidro, procedente do estudo do arquitecto Norman Foster, prometen un duro debate entre a cidadanía e o colectivo dos arquitectos. Igual que en Muxía, unha parte do que os fregueses teñen interiorizado non é orixinal do templo, senón engadidos posteriores.

A innovación acende paixóns, porque a crenza individual baséase no fetichismo subxectivo, que bate contra a evolución dos estilos arquitectónicos. Douscentos anos despois, non sabemos a reacción de Victor Hugo sobre o novo tellado de París, tampouco a de García Lorca sobre A Barca que escribiu. O esperpento de Valle-Inclán estaría garantido na Mercé, en completo abandono.