Un dos meus temas preferidos da formación musical arxentina Les Luthiers, Los jóvenes de ahora, é toda unha lección de vida. Nela, saen estes veteranos fenómenos austrais ríndose de toda a xente que mira con desprezo e profunda incomprensión á xente nova, que é un atado de vicios, perversións e vagancia. Non coma eles cando eran novos, claro, todos un prodixio de responsabilidade familiar e disciplina laboral e vital.
O que nos veñen contando Les Luthiers é que detrás desa actitude vital hai unha profunda envexa de cando eras novo, e tiñas todo o tempo do mundo para ser convite ou inconveniente, segundo fixera falta ou apetecera. E nótase que eu e os meus amigos imos maiores porque cada vez máis aparecen nas nosas ceas esas mencións aos «mozos de agora», e a súa suposta falta de educación ou cultura, ou ao seu desleixo, ou as súas esixencias de boa vida e falta de sacrificio.
Miren, levo dando clase xa máis anos que Matusalén a rapaces e rapazas de 22 anos. Será que tiven moita sorte, pero polo xeral son xente moi educada, que agarda que os motiven e que os traten con respecto e interese, e que están dispostos a dar moito máis do que reciben.
Porque ese é o tema: cando noto certa ausencia de cultura, ou a perda da relación coa lingua e a cultura do seu país, ou das súas actitudes ante a autoridade, eu teño claro que a culpa non é deles. É culpa de quen decidiu non ensinarllas. Ou sexa, os adultos de agora. E os adultos tamén de antes. Xa me tarda a canción de Les Luthiers.