Os nenos da polio

Vicente Abelleira Cambeiro CAIXA DE CORREO

BARBANZA

28 oct 2019 . Actualizado a las 16:43 h.

O 24 de outubro celébrase o Día Internacional da Loita contra a Poliomielite. Para falar da polio en España teríamos que ir aos anos 1956 a 1963, cando máis de 40.000 persoas contraeron esta terrible enfermidade e máis de 2.000 morreron; o resto tiveron grandes secuelas para o resto das súas vidas. Todas estas vítimas poderían terse evitado, porque xa había unha vacina eficaz, pero as autoridades franquistas non fixeron campaña masiva e gratuíta contra a polio, tan só as persoas mais pretas ao réxime puideron vacinarse ou aqueles con mais recursos económicos. O 11 de febreiro de 2014, a catalá TV3 emitiu un documental de Montse Armengou e Ricard Belis sobre este tema, que hoxe se pode ver na súa versión en castelán.

Está demostrado que no Estado Español houbo unha epidemia de poliomielite e o que é mais grave, que o goberno franquista daquel tempo a silenciou. Nas reportaxes do NODO falaban de «los niños enfermitos». A realidade é que aos que tivemos esta enfermidade negáronnos unha infancia feliz, dado que estábamos sempre en hospitais ou con operacións cirúrxicas que nalgúns casos eran experimentos. En Galiza tamén houbo casos de polio, pero o Sergas tivo a idea de destruír todos os historiais médicos que había sobre a enfermidade, cando deberían telos dixitalizados para que os especialistas de agora (traumatólogos ou neurólogos) tiveran un coñecemento do que se fixo co doente, porque neses historiais figuraban intervencións e tratamentos.

Coa aparición da chamada Síndrome Post-Polio, (SPP) pois isto se complica cada vez mais, dado que aínda non se descubriu as causas de esta “doenza nova” que é como se volvera a rebrotar a enfermidade de novo, onde aínda non existen os antídotos suficientes para atopar a solución a este problema, onde hai médicos hoxe en día, descoñecen este problema.

É necesario que as forzas políticas saídas das vindeiras eleccións do 10 de novembro tomen cartas neste asunto, dado que a democracia española ten unha débeda cos afectados de poliomielite. É necesario que o vindeiro goberno, faga as seguintes reformas: Modificación do Real Decreto 1851/2009 no que respecta ao grado de discapacidade do artigo 1º, que sexa como mínimo 33 % en vez de un 45 % como está agora; fixar centros de referencia para o tratamento da Síndrome Post Polio e as secuelas de polio dentro do territorio español; eliminar o copago das axudas técnicas para os afectados de polio ou as súas secuelas; aumentar as unidades de rehabilitación para os afectados; e aumentar en I+D as partidas no apartado de Síndrome Post-Polio (SPP), e os seus derivados.