Álex Vidal: «O meu ídolo era meu irmán, que me animou sempre a facer de todo»

encarna pego

BARBANZA

ABRALDES

O ribeirense personifica unha superación que o vai levar ás OlimpíadasÁlex Vidal Campión do Mundo de para-taekuondo en K3

31 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe paso a tarde cun veciño de Castiñeiras ao que a vida lle puxo unha cambadela cando só contaba nove meses. Catro veces campión de Europa e outras catro campión do Mundo de para-taekuondo, Álex Vidal ten gañada a súa participación na cita olímpica de Tokio por ránking mundial, os puntos sumados ao longo destes catro anos. No 2016 operouse dunha lesión na cartilaxe do xeonllo. Da súa recuperación físico-técnica encárgase Luis Casais, que lle envía os adestramentos dende Rusia; e aquí, o seu preparador técnico-táctico é Juan Luís Martínez. Estará en Tokio 2020, nesta modalidade de taekuondo, olímpica por vez primeira.

Álex é inquieto e testán. Gaña cada día a súa loita, e nada se lle pon por diante para acadar a meta que se propón. Caer e levantarse máis forte, adiante sempre. Non hai outra! Adora os dous pequenos da familia, filla e fillo de seu irmán (ela, afillada súa), e o taekuondo é a súa ilusión, a súa forza, a súa vida.

-Fálame da túa infancia con esa diversidade funcional.

-O meu ídolo era meu irmán, que me animou sempre a facer de todo. Na escola collía o bolígrafo xuntando os pulsos e apoiando coa queixada, que se me ía deformando, polo que tiven que ensaiar outras maneiras, tintas en xel, etcétera. Lembro algunha anécdota en plástica, cando non controlaba a presión sobre o tubo de pegamento e, ao botar moito, luxaba o traballo. Polo demais, era coma todos.

-Como aprendiches a montar en bicicleta?

-A miña bici tiña rodiñas laterais. A un amigo acabábanlle de regalar unha de cross, e invitoume a probala e respondinlle que non sabía andar nela. «Veña, que te agarro por atrás», animoume. Ao pouco oio gritar: «Segue, segue». Deixárame só... e claro, esparreime! Pero andei un cacho eu só, e logo viñeron outros máis. Non lle importou a súa bici nova; alegrouse de que eu puidese andar nela. E seguiu a prestarma. Co dedo polgar e co pulso fago presión para agarrar o guiador ou os freos. O resto dos dedos non os sinto.

-E para conducir?

-Fun á autoescola e ao exame normal, e o enxeñeiro díxome que me podería aprobar, pero mellor que non. En caso de velocidade, non lle parecía seguro. Conseguín antes o carné de moto -máis complicado cos meus brazos-, pero agora xa o teño, e levo un coche con mínimas adaptacións eléctricas.

-Cando chegaches ao taekuondo?

-Foi por pura casualidade. Ao facer 18 anos, en Santiago recomendáronme ir a un ximnasio para seguir mellorando a mobilidade e o músculo. Empecei indo ao Natural Sport e, pasado un tempo, Juan Luís animoume a probar o taekuondo. Encantoume. Tiñan medo de que me mancase, pero eu vin que podía facelo e, inda que saía mallado, volvía con máis xenio. Os compañeiros non tiñan ningunha discapacidade, e pedía que me desen sen dó. Un día díxenlle ao adestrador que quería competir. Era complicado que me aceptasen en competición convencional, e buscamos aseguradora. O meu debut foi nun torneo en México. Cando os técnicos e o público me viron no tapiz puxeron cara rara, pero, ao gañar ese combate, todo mudou. Logo virían campionatos galegos e de España, e internacionais coma o Open en África, etcétera.

-Cales son as potencias do mundo en taekuondo?

-Tradicionalmente, Corea do Sur era a mellor, pero o taekuondo evolucionou moito nos últimos anos. Dende 2009 que se usa peto electrónico as puntuacións son máis xustas, e entra tamén o gusto da persoa. España, agora, é unha potencia mundial, con medallistas olímpicas coma Eva Calvo ou Joel García. Turquía tamén, e Corea, pero xa non arrasa coma antes.

Álex conta cun amplo palmarés. Primeiro, en competicións ordinarias (para xente sen discapacidades), de 2007 a 2011, no que acadou en Pontevedra o título de campión no Open Internacional. E dende 2009 segue a acumular máis e máis medallas, sendo catro veces campión de Europa: 2011 Rusia, 2015 Moldavia, 2016 Polonia e 2017 Italia, respectivamente. E tamén catro veces campión do Mundo: Aruba 2012, Suíza 2013, Rusia 2014 e 2017 na capital londiniense.

Confesa ser un friki da tecnoloxía e de todos os deportes. Gusta de velos e sabe as normas de case todos: rugby, esquí, patinaxe, etcétera. É bo xogando ao volei praia, ao pimpón, e desfruta co sendeirismo. Antes da operación corría polo monte. Gústalle todo tipo de música agás a clásica, que a apaga. Necesita forza que o motive, tal que a de Eminem, que di algo como: «No se trata de ganar, sino de dejar tu huella». E no pavillón prefire escoitar o ruído da xente, os golpes dos competidores; iso é o que o mete na competición.

Tivo algunha parella, pero non é fácil compaxinar o amor con tantos torneos. Agora prefire centrarse no deporte e chegar forte a Tokio. Despois… todo está por escribir.

Álex será o segundo ribeirán (tras María Vilas) en representar a España nunha Olimpíada, e non me estrañaría que nos trouxese unha medalla. Sería unha inmensa honra para nós, e merecida recompensa para el.

Ti podes, campión!

Perfil: Unha carreira de obstáculos

Álex Vidal Álvarez (Ribeira 1981), sofre aos nove meses unha enfermidade que marcará o resto da súa vida. Os médicos falan de polio. Afecta os nervios cervicais. Tras uns meses ingresado, o prognóstico é duro: os brazos tenos mortos e vai camiñar con dificultade sen a función de equilibrio que debían facer. El xa andaba antes, e tiraba do cable do teléfono no que escoitaba a voz de seu pai, que estaba embarcado. Sería imposible repetir iso. Entretíñase no andador ou sentado na alfombra ata que un día chegou correndo coma unha bala onda súa nai que, incrédula, chamou o médico.

Empeza entón unha carreira de obstáculos para o neno e familia. Horas interminables en Santiago a diario en rehabilitación. Empeza a escolaridade no Colexio Sagrado Corazón de Castiñeiras e compaxina as dúas cousas, faltando case todas as mañás á clase, e facendo pola tarde as tarefas na casa. Logo facía todo coma seu irmán, xogar ao fútbol, ás agachadas…

Sen manguitos

Nadaba con manguitos. O azar fixo que un día, ao tirarse, os manguitos saísen disparados. Foi ao fondo e botou a nadar, temendo afogar. Seu irmán tirouse por el, e díxolle que o peirao estaba cerca: «Seguindo así podes chegar». Quería enfadalo para que saíse todo o seu xenio. E aprendeu a nadar. Tamén lle custaba subir ao muro e sentar, pero facíao. No persoal, só precisa axuda para pór o botón de arriba da camisa, ou da gravata.

Cursou ESO no IES Coroso, e fixo o ciclo de Técnico en Administración e Finanzas no Leliadoura. Agora prepara oposicións á Administración, e tamén da charlas de deporte adaptado en colexios e institutos. Ten algunha recompensa económica polos premios importantes e goza dunha beca do Comité Paralímpico afín de prepararse para Tokio. Pero son imprescindibles os patrocinadores.

Encántanlle os nenos

Competiu e gañou en todos os continentes. Ás veces toma unha copa cando está libre de adestramentos e competicións. Canto a formar unha familia, o problema son as ausencias de ter que viaxar constantemente. Encántanlle os nenos. Pero agora está centrado ao cen por cen na preparación para Tokio. Di que, logo, «se deixo o deporte e atopo unha persoa que me comprenda e me apoie, igual podo pensalo».

Ánimo, Álex!