Haberá exposicións virtuais sobre a vida e obra de Carvalho Calero
16 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A gran maioría das bibliotecas da comarca tamén están a festexar a través das redes sociais o Día das Letras Galegas con contacontos, lecturas de textos e lembranzas da obra de Ricardo Carvalho Calero.
Paralelamente, a rede de Bibliotecas Públicas de Galicia xestionadas pola Xunta súmase aos actos de homenaxe coa posta en marcha de ferramentas e materiais deseñados pola Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración coas numerosas empresas, entidades ao abeiro da campaña #aculturasegue.
Neste contexto, as bibliotecas ofrecerán durante estes días diversas actividades a través das súas redes sociais e páxinas web, que incluirán distintas exposicións virtuais que afondarán na vida e obra de Carvalho Calero. Ademais, a Biblioteca de Galicia formará parte das celebracións dixitais a través da incorporación no seu portal dun microsite no que se incluirán todos os artigos e poemas que publicou o escritor na prensa galega.