Autocaravanas

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

04 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Apandemia cambiou o modelo turístico que, por medo a contaxios, tivo refuxio seguro nas autocaravanas, multiplicándose a súa presenza nas nosas estradas e espazos públicos, sen ter unha completa reflexión sobre o seu impacto no territorio. Deixando a parte as reflexións sobre as consecuencias no tráfico ou a incidencia nos negocios hoteleiros e no emprego, que daría para moitas consideracións, este modelo ten implicacións urbanísticas.

É común velas aparcadas a carón de praias e espazos privilexiados, en grupos numerosos, formando un asentamento provisional, e moitos alcaldes habilitan parcelas para tratar de ordenar o seu fluxo no termo municipal, sen modificar o planeamento.

Aínda que as leis urbanísticas non falan delas -por ser un modelo imprevisible- hai que ter en conta varios parámetros urbanísticos antes de aprobar unha área. O máis doméstico é dotar esa área de servizos municipais de auga, alumeado, electricidade e sumidoiros, e nese aspecto non ten consecuencias para a cidadanía local. O máis importante é que van ocupar un espazo público, en réxime de concesión sui generis e que esa área deixa de ser de libre circulación. Sen pensar en situalos nos mellores espazos do municipio, non se planifica a súa relación co resto do concello. Causan tanto impacto urbanístico como unha urbanización, porque o volume é similar, e impacta na paisaxe.

Prohibimos aos cidadáns edificar nas súas leiras e permitimos aos turistas que chanten a súa casa móbil nese lugar? Non parece xusto cando o volume é similar, polo que debe estar planificado e que os cidadáns opinen.