Santiago Cruz: «Mellorar a rendibilidade dos nosos mariscadores é a nosa preocupación»

Jose Manuel Jamardo Castro
j. m. jamardo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O covid-19, a toxina e o comportamento dos prezos son as preocupacións

13 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Santiago Cruz Martínez (Noia, 1961) é un dos patróns maiores máis veteranos da comarca. Asumiu o cargo hai case vinte anos e segue ao pé do canón preparando unha nova campaña marisqueira que arranca mañá, pero que é unha das máis incertas debido á situación especial polo coronavirus. Aínda así, confía en que sexa boa para os intereses dos produtores, pois dela dependen centos de familias da zona.

-Como se presenta a campaña deste ano?

-Dende o pósito esperamos que sexa boa, sempre e cando o covid-19 e as toxinas nos deixen traballar. Nesta ocasión dependemos destes condicionantes e tamén dos prezos, pois descoñecemos como vai responder o mercado, aínda que somos optimistas. O problema que tivemos é que o ano pasado non houbo apenas desove e polo tanto non hai tanto marisco como en edicións anteriores. Hai moita cría e esperemos que polo menos se poida comercializar en decembro, pois está medrando moi ben.

-Iso quere dicir que non haberá cifras espectaculares?

-Non teremos os resultados doutras edicións. Este ano haberá a metade de berberecho que na campaña pasada. Ademais do desove, o inverno pasado houbo riadas fortes que provocaron a morte de moito berberecho e ameixa babosa. O berberecho que hai nas concesións é máis pequeno, pero o importante é que se ve moito marisco pequeno e se hai desove, hai futuro. Por iso somos optimistas.

-Canta xente poderá participar este ano?

-Máis ou menos, uns 1.500 produtores, incluídos os que veñen das confrarías de Muros, Porto do Son e Portosín.

-Como están os bancos?

-Agora mesmo están en perfecto estado, pero para deixalos en condicións tivemos que traballar moito, porque nos últimos meses estivemos sacando toneladas de argazos e depredadores que mataban o marisco. Agora están cheos de cría.

-Abrirán todas as concesións?

-Deixamos pechado un dos bancos máis importantes das nosas concesións, como é A Misela. Apenas ten bivalvo para comercializar, pero si moita cría. Se todo vai ben, esperamos que se poida coller en novembro ou decembro.

-Que espera desta campaña?

-Pois que sexa todo o boa posible, pero xa sabemos que será inferior a outros anos. Algunha xente vaise queixar porque haberá menos marisco. Os produtores teñen que mentalizarse de que estas cousas poden pasar e uns anos son mellores que outros.

-A confraría de Noia é unha das empresas máis importantes da comarca polo número de mariscadores e traballadores que ten todos os anos...

-Efectivamente. Uns 1.500 produtores traballan nas nosas concesións e ademais na campaña contratamos a máis de cen persoas para dar servizo ás lonxas e para os labores de apoio.

-Cales son os obxectivos para este ano?

-Polo menos, poder manter os topes actuais ata decembro. Iso quere dicir que teriamos marisco nas nosas concesións e despois xa vén o que está a medrar agora. Mellorar a rendibilidade dos nosos mariscadores é a nosa preocupación e niso estamos centrados os dirixentes.

O berberecho de Noia é garantía de calidade. É un bivalvo moi apreciado tanto polo sector conserveiro como pola restauración e ten un público incondicional.

-Como está o mercado?

-Estes días enviámoslle mostras ás empresas conserveiras, pois están moi interesadas no noso produto. Esperamos que haxa moita demanda, xa que nos dixeron que precisan bivalvo para as súas factorías.

-Como leva estar á fronte da confraría durante tantos anos?

-É difícil, pois hai que aguantar moito. Sempre temos críticas e queima moito, pero estou contento coa xestión que estamos a facer. Chegamos hai case vinte anos e tiñamos unha débeda duns 1.500 millóns de pesetas, uns nove millóns de euros. Agora mesmo temos un superávit de 700.000 euros, polo que me parece que o estamos a facer ben.

-Pode vivir un mariscador desta actividade?

-Creo que si. Non de superluxo, pero cada un pode sacar de media unha nómina mensual de 1.400 euros en medio ano e pódese dedicar a outras cousas tamén.

-Que precisa o sector?

-Os produtores teñen que ser máis profesionais e respectar os topes e a cría. Teñen que mentalizarse de que as nosas concesións son viveiros naturais dos que vivimos moita xente.

A xente está expectante debido aos problemas que está a causar o coronavirus na sociedade e que repercuten directamente na actividade empresarial. O marisqueo non é alleo a esta situación e dende a confraría noiesa confían en que non lles cause ningún contratempo.

-Foi difícil adaptarse ás novas condicións impostas polas autoridades sanitarias?

-Nós estamos a seguir os protocolos establecidos. Non queremos que pase nada e para iso adoptamos todas as medidas posibles que están na nosa man. Dende a toma de temperatura ata o uso obrigatorio de máscaras ou as distancias de seguridade. Se algún ten febre xa non vai entrar nas lonxas. Investimos moitos cartos este ano para evitar contratempos.

-Como cre que van responder os mariscadores?

-Espero que a xente cumpra os protocolos, pois para iso somos profesionais. O covid-19 preocúpanos porque somos un colectivo amplo e moi disperso. Os produtores teñen que ser responsables e dende a confraría pedímoslle que teñan moito coidado. A ver se non hai ningún afectado, pois xogámonos a campaña. Todos temos que cumprir os requisitos e facerlle caso ás indicacións dos traballadores do pósito. Precisamos que todo vaia moi ben.