![](https://img.lavdg.com/sc/qQ3IduWFBLEVppGPZZt9CII117Q=/480x/2020/11/06/00121604650442469536667/Foto/BN8C12F1_1.jpg)
Exerce como músico e vén de publicar un cedé, pero desenvolve o seu gran labor no eido da investigación
08 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Cando se fala do patrimonio inmaterial dun pobo fálase de tradicións, de costumes e tamén de manifestacións culturais intanxibles, como é o caso da música. No referente a Galicia, rescatar todo ese pasado para lograr perpetualo é un reto por cumprir, no que un bo número de persoas se están afanando. Xosé Luís do Pico Orjais (O Grove, 1969) faino no eido musical, un campo que domina como músico, como mestre e como investigador. Aínda que naceu ao outro lado da ría de Arousa, atopou en Rianxo, concretamente en Taragoña, o lugar perfecto para vivir e traballar: «Aquí os nenos seguen a ser como era eu de pequeno, vivindo en contacto coa natureza e comprometidos coa lingua e a cultura galegas».
Nacido no seo dunha familia de artistas, non foi quen de fuxir do que se presumía que era o seu destino e tampouco quixo. Sendo un neno xa percorría festas e romarías coa gaita ao lombo e con 15 anos fundaba, xunto con varios compañeiros do instituto de Carril, o grupo Leixaprén, co que gravaría un vinilo, como recompensa por gañar un certame promovido polo Ministerio de Cultura, e un cedé, un dos primeiros traballos musicais lanzados en Galicia neste formato.
Punto de inflexión
Daquela, compatibilizaba o grupo Leixaprén con colaboracións continuas para a cantante María Manuela, que é a súa prima, formando parte da banda que a acompañaba en varios discos. Mesmo se animou a crear canteira musical fundando, xunto con Uxía Pedreira e Ramón Piñeiro, o conservatorio de música tradicional de Lalín: «Aquilo foi espectacular», lembra con orgullo. Pero aquel paso, coincidindo co cambio de século, marcaría un punto de inflexión na traxectoria de Xosé Luís do Pico, que aparcaba temporalmente os instrumentos para desenvolver unha prolífica labor no eido da investigación.
Comezou rescatando do esquecemento varios cancioneiros históricos, entre eles, Ayes de mi país (Marcial Valladares, 1865), o máis antigo que se coñece en Galicia e que nunca antes fora publicado como volume. Tamén quixo perpetuar outros legados musicais, coma o de José Inzenga, Ernesto Guerra da Cal ou Jacinta Landa Vaz: «Foi exiliada a México e alí meteuse nunha cabina de gravación para rexistrar, a capela, todo o que lembraba de cando vivía en Galicia e noutros puntos de España. Unha neta entregoume o material para que eu o editara».
En Rianxo, a terra que o adoptou despois de que chegara para exercer como mestre no Brea Segade de Taragoña, tamén atopou a oportunidade de desenvolver esa paixón pola historiografía musical galega, descubrindo un patrimonio único. Todo comezou cando José Nine lle brindou a posibilidade de analizar uns documentos do seu tío avó, o gran Nine Piñeiro. Ese foi o punto de partida do fondo local de música, creado co empuxe do concello, que sumou o fondo musical da familia de Manuel Antonio. Os veciños fixeron o resto coas súas achegas: «Da primeira metade do século XX debe ser o mellor arquivo musical que se conserva en fondos públicos. Temos ata exemplares do disco Ondiñas da nosa ría».
Traballos en curso
Na vila de Castelao incluso retomou a faceta de músico, primeiro colaborando co dúo Barahúnda e agora sacando á luz un traballo propio, Poetas, no que musica aos seus bardos preferidos, entre eles, Faustino Rey e Brea Segade, incluíndo tamén letras propias.
Pero do que máis orgulloso se sinte Xosé Luís do Pico é do seu traballo nas aulas de Taragoña, onde a súa faceta de investigador tamén está moi presente. Coa axuda de nenos e pais recuperou maios, prosas (panxoliñas), cantos de arrolar e outras músicas populares que en breve verán a luz na forma dun cancioneiro orientado aos centros educativos.
Nas aulas e fóra delas, este rianxeiro de adopción mantén a súa particular loita para evitar que se perda o patrimonio musical. Asegura que descubrir, coñecer a fondo e divulgar ese legado que corre o risco de caer para sempre no esquecemento constitúe a súa auténtica vocación: «O traballo de divulgar é o que realmente me motiva, aprender de todo ese material que a xente me achega, pero tamén trasladarllo de novo ao público en forma de publicacións e de concertos».