Entre a barra do bar e as táboas do teatro

Carmen Fernández RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O bar Chelino decora as súas paredes con fotografías de actores galegos que xa son clientes habituais

15 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Un paso importante á hora de abrir un negocio é a súa situación. Buscar ese lugar chave que dea visibilidade e favoreza a chegada de novos clientes. Non sempre é fácil de atopar, pero os que si acertaron na elección foron os donos do café-bar Chelino, Alberto Carou e Rita Hermo, cando abriron o seu local aló no 2011 na noiesa rúa Curro, a carón do coliseo Noela. Os bocadillos, as racións e os cafés comezaron a servirse no local sen maiores sorpresas, ata que co paso do tempo e propiciado pola proximidade do teatro empezaron a visitalo actores que actuaban en obras que se representaban no Noela e terminaron converténdose en clientes habituais. Nove anos despois da apertura do seu bar, Carou e Hermo xa están habituados ao goteo de personaxes famosos, decoran as paredes do Chelino con fotografías dedicadas e gardan agasallos como carteis das obras asinados polo elenco ou billetes usados na representación teatral de Fariña.

Carou conta que hai un grupo de actores que visita con bastante frecuencia o seu local. «Xosé Antonio Touriñán, Pedro Brandariz, Federico Pérez e Oswaldo Digón pasan moito por aquí», sinala o dono do Chelino. O inicio deste idilio co bar noiés comezou por casualidade. «Tiñan unha representación no Noela e ao rematar viñeron picar algo. E parece que lle gustou a comida, porque volveron por aquí», comenta Alberto Carou. Despois de numerosas comidas e charlas compartidas no Chelino, Carou e Hermo xa están acostumados a que calquera deles se presente polo establecemento cando están de paso por Noia.

De tódolos pratos que ofrecen como alternativa, cada actor ten as súas preferencias. «A Touriñán gústalle o polo que preparamos aquí. Federico Pérez é máis de luras, por exemplo», comenta Carou, que nota un cambio no comportamento da xente cando se atopa aos actores comendo tranquilamente no bar. «Ao principio todo o mundo quería sacarse fotos con eles. Cando viña Touriñán, a xente esperaba fóra para poder ter unha instantánea», recorda o dono do Chelino, que afirma que conforme se foron facendo habituais «cesou esta febre de fotos».

A lista de persoas de renome que pasaron polo Chelino a refrescar a gorxa ou a comer algún dos seus pratos foi crecendo a medida que pasaban os anos e os actores habituais recomendaban o local aos seus compañeiros. Unha época na que recibían máis visitas era durante a celebración da Mostras de Curtas de Noia. Incluso chegaban a tomar algo ao local e Carou non reparaba neles. «Unha vez estivo aquí Yon González. Ao principio non o recoñecín porque claro, eu estou traballando. Pero logo falamos un pouco e sacamos unha foto», conta Carou. Os actores Marta Hazas e Javier Veiga tamén degustaron os pratos do Chelino, ao igual que todo o elenco que participou na serie de Fariña. «Como se rodou por aquí, aproveitaron e viñeron comer. Algúns como Javier Rey ou Morris xa nos coñecían», di o propietario do bar.

Outros rostros recoñecidos a nivel nacional que se achegaron ao Chelino foron o presentador Carlos Sobera e Mariano Peña, que deu vida a Mauricio Colmenero en Aída. Carou só ten boas palabras para describir o paso de todas estas celebridades polo seu local: «A imaxe que moitas veces se ten da xente famosa é equivocada. Son persoas normais cun traballo que lles dá recoñecemento, pero que tamén lles esixe moito», comenta.

Recordos gardados

Non todas as fotos nin os recordos que atesoura Carou están expostos nas paredes do bar. Algunhas das imaxes que ten cos comensais máis célebres que pasaron polo Chelino están gardadas. «Como polo traballo non podemos ir a ver as súas obras mándannos os carteis asinados. Algúns os temos gardados porque hai bastantes», indica o responsable do establecemento.

A pandemia do coronavirus paralizou a colección de fotos e recordos. Primeiro o confinamento e logo as restricións frearon a chegada de novos visitantes. «En xeral estamos moi amolados por isto. O sector está a sufrir. O teatro tamén se mantivo pechado polo que non houbo moito movemento», lamenta Carou, que recorda que hai unhas semanas, cando a situación era algo mellor, Miguel de Lira achegouse alí a comer luras.