Corentena

Ramón Ares Noal
Moncho Ares O FÍO DE ARIADNA

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

28 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Disque o bicho non ía contigo. Non, que va! Non o tes, pero sófrelo. Levas oito días en corentena. Xa estás canso de andar polo corredor, pola cociña, pola terraza (se non chove) e sentes, por primeira vez, a sensación de non ser libre. Tes razón, podes coller e marchar. Quen se vai decatar? Pésache a responsabilidade, pensar que podes contaxiar alguén, e que ese alguén morra, ou que non morra, pero que apeste outros, e eses outros tantos... e volta a empezar pola túa neglixencia. Porque o bicho é caprichoso, parece que elixe quen enfermar e, logo, quen deixar sen arrecendo, sen padal, con tos seca, con febre... e quen matar ou quen deixar mal para sempre, ou para moito tempo. Dáste conta, entón, de que, en realidade, es afortunado, porque contigo decidiu que só quedases na casa, coma se fose unha proba para ver como te comportas, sen síntomas, só co aburrimento, cos percorridos pousados polas habitacións, coas saídas á terraza e as ansias por volver sentirte libre de decidir quedar no fogar dez, vinte ou os días que queiras, porque non é o mesmo que te obriguen a estar sen saír que elixir ti quedarte. Coma un paxaro tras as reixas, pero coa porta aberta, que non marcha porque, ao fin, a gaiola é o único fogar que coñece, mais séntese libre porque non hai pechadura, coma a túa simple corentena...