A pegada de Lorenzo Mariño

Unai González CAIXA DE CORREO

BARBANZA

16 ene 2021 . Actualizado a las 12:11 h.

Hoxe conmemórase o decimo sétimo aniversario do pasamento de Francisco Lorenzo Mariño, quen da nome á nosa entidade, un persoeiro recoñecido en vida por numerosos colectivos e institucións. Medalla de Galicia, dálle nome á principal rúa do pobo, socio de honra de asociacións de todo tipo, ten un cruceiro na Coruña e un longo etcétera de recoñecementos á súa entrega como galeguista cristiá e activista social en Aguiño en particular e en Ribeira e Galicia en xeral.

Faleceu o 16 de xaneiro de 2004, pero deixou unha fonda pegada e unha forte semente no seu pobo e na súa comunidade, así como noutras como Irimia, organizadora das Romaxes de Crentes Galegos, ou os Bienios Irmandiños e a editora da revista do mesmo nome que é unha publicación milagre na nosa lingua dende 1979.

Todo o mundo coñece da súa impronta no club de fútbol da parroquia, Ardora, Cáritas, ANPA do colexio ou asociacións culturais como Aguieiro ou Dourixeira xa desaparecidas, pero é tamén na nosa entidade, xurdida tras o seu pasamento, onde o seu legado está máis presente coa posta en valor do seu traballo durante medio século en Aguiño e a dinamización cultural, social e recreativa deste pobo dende fai máis de tres lustros.

A organización do maio cultural, Nadal, viaxe á Romaxe ou Mostra de Teatro Afeccionado son boa mostra do noso esforzo como unha asociación de baixo orzamento e pouco apoio económico, pero este ano por mor do covid non puidemos levar a cabo moitos destes actos, tendo que adiar a Semana Cultural deste mes ao vindeiro maio coa esperanza de que a situación mellore.

Non queríamos deixar pasar a oportunidade de celebrar esta data de aniversario, cunha ofrenda floral no Son, realizada por amigos de Xuño, e outra diante do busto do párroco no adro da igrexa de Aguiño seguido dunha misa ás 18:00 horas á que calquera interesado está convidado co fin de preservar a memoria de Paco como inspiración de compromiso social, cultural e amor á nosa terra. Unai González. Asociación FLM de Aguiño.