Unha morte magnífica

La Voz

BARBANZA

X. Ricardo Losada

30 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor Sandor Márai suicidouse dun disparo aos 89 anos. Os amigos espallaron as cinzas no mar, tal e como el pedira. Nunha das últimas notas dos seus diarios fala da morte da muller, desencadeante da súa tráxica decisión: «Hai oito meses que morreu. Hoxe é a primeira vez que son consciente de que nunca máis estará comigo. Ata agora dábame a impresión de que saíra un momento do cuarto, ou a dar unha volta pola cidade».

Sempre crin que os seres humanos, xa que debemos escoller como vivir, tamén deberiamos escoller como morrer. Finlandia ten un dos índices de suicidios máis altos do mundo («o noso deporte nacional», chámanlle), e non creo casual que sexa un dos países con mellores resultados educativos. Estar ben educado é ter criterio propio, sobre todo nos momentos máis difíciles.

O escritor e médico portugués Miguel Torga, na época en que facía visitas continuas a un hospital para tratar con quimioterapia un cancro avanzado, escribiu: «Nacín para cantar a gloria da vida e non para facer a crónica da humillación da morte». Se podemos morrer porque un bicho minúsculo se nos mete no corpo, ou porque esvaramos no baño, ou porque nos atragoamos coa espiña dun xurelo, non dignificamos a nosa vida escollendo o momento e as circunstancias da nosa morte? Nunha viaxe a Nova York, Julio Camba viu un anuncio dunha empresa funeraria que dicía: Para que vivir cando por só 30 dólares podemos facerlle un enterro magnífico. Mellor iso que unha agonía humillante.

Non vos estrañe, xa que logo, que me alegre moito de que a democracia española aprobe unha lei de eutanasia. Pero, debo recoñecer -mentres seguía por televisión os debates, cheos de palabras aterradoras como «encarnizamento terapéutico»- que non facía máis que recordar, necesitado dun pouco de humor, aquela nai asturiana que un día recibiu a ameaza do fillo: «No te estrañe que un día de estos me suicide». E, mirándoo aos ollos en fite, ela contestoulle: «Me parece muy bien, hijo mío, los gustos hay que dárselos en vida». E iso, pensei, moi en serio, é a eutanasia. Converter o máis amargo dos desgustos, nun gusto.