Esperto sen desexalo

ROMÁN ARÉN

BARBANZA

«Vangarda ule» é o título do último traballo de Manuel López Rodríguez

02 jun 2021 . Actualizado a las 16:53 h.

O noiés Manuel López Rodríguez (1978) gañou o II Premio de Poesía Eduardo Pondal con este breve poemario de vinte e cinco «sagrados», outorgado por un prestixioso xurado formado por Luciano Rodríguez, Teresa Seara, Miguel A. Mato Fondo, Monteserrat Yoldi e Xulio López Valcárcel. Membro do Colectivo Sacou, fotógrafo, pintor e editor, é autor doutros poemarios como Rompe ou Desde onde non nace e gañador de premios como o López Ardeiro, o Concello de Carral ou o Suso Vaamonde. A unha temática amorosa inicial, non lonxe de certo neorromanticismo («Voando arredor túa; amándote tanto, penetrando na / porosidade da vestimenta…», únelle un ton elexíaco e unha cadencia e imaxes de vangarda, pero sen esquecer o compromiso (a palabra «nación» é a clave de seis poemas), nin a reflexión poética («O poema é / a simetría baixo das palmeiras dunha vila mariñeira») ou as alusións a outros poetas (Lois Pereiro, Gil de Biedma, E. Lorenzo Baleirón). Periferia si, mais non demasiado lonxe do canon; liberdade de quen está fóra de xogo, pero no partido. Os mellores acertos nos poemas breves: «Muda a perspectiva. O / inimigo persegue o rastro que deixas, as / chamadas telefónicas e as / conexións / visuais. // Se a carón do río premes o tronco da sobreira. // Disimula. Velaí vén do que gustas».

«Vangarla ule»

Manuel López Rodríguez

Medulia (A Coruña, 2020)

36 páxinas