Xabier González: «A nordestada é a gran inimiga dos montes de Barbanza»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Afirma que hai moita biomasa acumulada, debido ás intensas chuvias rexistradas no inverno e na primavera

25 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada verán planea sobre Barbanza a negra sombra dos incendios. Cunha ampla superficie de masas forestais e con antecedentes de grandes lumes que afectaron a importantes extensións, Xunta e comunidades de montes adoptan nestas datas medidas excepcionais para evitar posibles desastres ambientais. Semella que, nesta ocasión, teñen como aliadas unhas condicións meteorolóxicas que truncan os plans dos amantes do sol e da praia. Pero Xabier González Torre advirte de que aínda queda moito camiño por percorrer. Desde maio do 2019 é o responsable do distrito forestal IV, que comprende unha ducia de municipios que suman unhas cen mil hectáreas de monte.

-Sen preocupacións polo de agora...

-O que levamos camiñado de verán sen contratempos xa é bo, pero aquí o forte aínda está por chegar. Hai que temerlle a agosto e incluso a setembro. Se seguíramos así, con chuvia polo menos cada 15 días, sería perfecto, pero como cambie o tempo imos ter problemas, porque a intencionalidade existe.

-Cando se suceden varios días de calor aumenta entón a tensión?

-Sempre hai que estar alerta, sobre todo mentres non temos o equipo de extinción completo. Faltan varias cuadrillas municipais, aínda que esperamos contar con elas antes de que remate o mes.

-Non é un pouco tarde?

-O normal é que haxa grupos que entren a finais de xullo e incluso a comezos de agosto. Deste xeito tamén garantimos a disposición de persoal ata outubro, xa que estas cuadrillas son contratadas por tres meses. Neste distrito somos 130 persoas fixas, ás que se suman unhas 60 de medios municipais.

-A cifra non parece moi elevada para tanta extensión de monte...

-O que interesa é ter o equipo completo nos meses de risco. Hai que pensar que, se non hai lumes, nin sequera se necesitaría esta cantidade, polo que é complicado calcular. Ademais, o persoal de incendios está dispoñible para moverse por toda Galicia.

-Cales son os puntos sensibles de Barbanza?

-Existen catro zonas de alta actividade incendiaria: Tállara (Lousame), Cures (Boiro), Ribasieira (Porto do Son) e Ribeira. Os montes veciñais que están no triángulo Boiro-Porto do Son-Lousame son os que concentran a maior parte da obra pública en materia de prevención.

-A que atribúe esa elevada actividade incendiaria nestas zonas concretas?

-As motivacións poden ser varias, partindo das típicas neglixencias. No que respecta aos lumes intencionados, nestes espazos concéntranse as principais casuísticas que manexamos, como son rexeneración de pastos e cuestións vinculadas coa caza, o lobo e o xabaril. Son factores coincidentes en municipios con chairas nos montes. Tamén é certo que se trata de concellos con grandes extensións de masa forestal, está claro que onde non hai monte, non arde.

-Pero a maior parte dos lumes son entón provocados?

-Por suposto, a maioría son intencionados, pero algúns parten de actuacións malintencionadas sen motivacións claras.

-Cal é gran perigo que presenta nesta campaña os montes de Barbanza?

-O gran perigo é que hai moita biomasa acumulada. O inverno foi chuvioso e a primavera tamén, o que provocou un incremento importante da vexetación, aínda presenta capacidade de mover sabia. Co tempo, se veñen días de calor, todo iso vai secar e a biomasa estará lista para arder se lle achegan un misto.

-A que lle teme de cara ao que queda de verán?

-Loxicamente, a un cambio nas condicións meteorolóxicas. A nordestada é a gran inimiga dos montes de Barbanza, sobre todo cando se prolonga durante varios días, con ventos de 20 ou 30 quilómetros por hora, pois ten moita capacidade para secar a vexetación, ao tempo que complica as tarefas de extinción dun posible incendio. Con calor, pero sen vento, temos capacidade para apagar as lapas rápido, pero cando o sopra o nordés, o traballo é máis difícil.

«A prevención é importante, pero aquí temos moita superficie, polo que é imposible actuar en toda»

A capacidade para actuar con rapidez nos posibles focos que poidan xurdir é moi importante nesta época do ano, pero o debate sobre a necesidade de traballar con antelación leva moito tempo enriba da mesa. Tamén Xabier González lle concede relevancia á prevención, aínda que apunta que non é unha tarefa tan doada como poida parecer.

-Cales son os grandes atrancos que se atopan nesas tarefas de prevención que se levan a cabo antes da chegada do verán?

-Nós consideramos que a prevención é importante, pero aquí temos moita superficie e moito mato, polo que resulta imposible actuar en toda durante o inverno. Por iso, ter capacidade de extinción é fundamental, porque cando hai un incendio, que os vai haber, o que conta é apagalo o máis axiña posible.

-Consegue a Lei de Montes axudar a frear os incendios?

-A Lei de Montes vense aplicando desde o 2012 e fóronselle introducindo variacións, nas que se incide moito no eido da prevención. Do que se trata sobre todo é de sacar os incendios dos núcleos rurais, de aí que se persegue que as franxas de protección estean limpas. Queremos levar os lumes ao monte, que é onde mellor podemos facerlles fronte. Se as lapas están próximas a núcleos temos que dedicar os esforzos a protexer vivendas e alpendres.

-Conseguiuse concienciar á xente para manter limpas esas franxas de protección?

-Avanzouse si, pero aínda queda moito por facer. O proceso de tramitación é longo, pois os concellos envían cartas, faise unha primeira inspección, logo unha segunda, despois unha limpeza subsidiaria... Habería que actuar con máis rapidez, pero tamén é certo que as capacidades dos concellos son limitadas. Se os veciños actuaran nas súas parcelas todo sería máis doado, pero aquí semella que ten que haber multas de por medio para que os propietarios reaccionen.