Oespazo pódese sentir. Ademais de elementos puramente materiais como paredes, teitos, arcos, portas, pedras, luz, os espazos gardan unha memoria. Esa memoria está construída dos episodios que se produciron nel, tralo paso humano. Pero non todos os poden facernos sentir, salvo que teñamos prexuízos persoais que nos conduzan a fortalecer a nosa imaxinación, con carácter subxectivo. Os lugares moi concorridos polos turistas, por exemplo, están banalizados e teatralizados, e son fonte de espectáculo, non poden producir máis emocións que as que senten os que chegan a el polas expectativas creadas.
Pola contra, espazos solitarios e pouco concorridos poden acubillar unha potente memoria que pode causar calafríos a unha persoa sensible e atenta, que active os sentidos. O poder de concentración e o silencio son os mellores elementos para escoitar as paredes, as pedras, para recender e para transportarnos a outras épocas.
Para percibilo hai que estar moi atentos e activar os sentidos, tamén os sentimentos. É importante a educación recibida e a capacidade de abstracción, cando se pode -sen presenza humana intensa-.
De feito, hai unha ciencia, chamada neuroarquitectura, que investiga a técnica de xogar cos sentidos, a través do sistema nervioso. Estudar como se produce o fluxo de información entre a contorna que nos arrodea e o noso corpo son as pautas para desenvolver proxectos que nos emocionen. Convídoos a achegarse aos edificios antigos deixando na porta os prexuízos e tentar sentir cada metro del, cada porta. Dedicado a unha amiga, que sabe sentir o espazo.