
A escultora de Noia encargouse de deseñar as figuras que recibirán os galardoados en Outes
17 dic 2021 . Actualizado a las 05:05 h.Os gañadores dos primeiros Sereos que entregou a Asociación Cultural Barbantia fixéronse con esculturas en bronce realizadas polo pobrense Manuel Teira. Estas pezas foron logo substituídas por figuras de Sargadelos deseñadas por Isaac Díaz Pardo. Agora, para a décimo quinta edición dos premios, a entidade apostou por obras da noiesa Soledad Penalta. Serán entregadas mañá (casa de cultura de Outes, 12.30 horas) a Manuel Caamaño, Enrique Paisal e a Real e Ilustre Cofradía da Dorna.
En todos os casos, os autores dos Sereos tomaron como referencia un gravado do boirense Ramón Blanco Alcaide, que constitúe o eixo da imaxe de Barbantia. Para o seu deseño, Soledad Penalta explicou que lle quixo dar un toque distinto ás figuras anteriores: «A peza conserva a forma orixinal, co corpo de peixe e a cara de home, pero quixen darlle unhas maiores dimensións e simular que está flotando no océano».
A artista de Noia fixo unha primeira escultura en barro, que logo foi fundida en bronce, resultando unha escultura que supera os 30 centímetros de lonxitude e que se presenta sobre unha base de madeira. Barbantia non só entregará estes Sereos nesta edición da súa gran gala, senón que as figuras de Soledad Penalta tamén serán os galardóns nos anos 2022 e 2023.
A escultora noiesa amosouse moi satisfeita por ser elixida para o deseño dos premios: «Fíxome moita ilusión, sobre todo porque eu teño un Sereo que me foi concedido no 2014».
Con Serafín Marcos
Outro noiés, Serafín Marcos, exercerá de mestre de cerimonias na gala que mañá terá lugar en Outes e que contará coas intervencións da historiadora Aurora Marco; do alcalde, Manuel González; da deputada provincial Sandra González; e do profesor Xesús Laíño.
Ademais da entrega dos prezados galardóns, durante a gala presentarase o décimo sétimo Anuario de Estudos do Barbanza e o número 170 do suplemento A voz de Barbantia.