Juan Manuel Saborido: «Non hai outra liña de traballo que a continuidade da planta»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O rexedor carnotán manda unha mensaxe de tranquilidade ante o temor dos traballadores ao peche das instalacións de Servia

26 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende hai uns meses, estase a poñer en cuestión a viabilidade da planta de compostaxe e xestión do lixo que Serra do Barbanza ten en Servia (Lousame). As dúbidas sobre se o modelo de recollida nas instalacións se axustan ás normativas estatal e europea preocupan especialmente, polo que o presidente da mancomunidade, o carnotán Juan Manuel Saborido, quere lanzar unha mensaxe de tranquilidade: «Non hai outra liña de traballo que a continuidade da planta».

—Comparte a preocupación dos traballadores polo futuro da planta de Servia?

—A preocupación sempre está aí, sobre todo polos bandazos que dá a Xunta neste tema, pero na mancomunidade seguimos traballando na mesma liña porque, salvo que alguén impoña cambios, o noso sistema de xestión do lixo está na liña do que esixe Europa. Adherímonos a un manifesto coas outras plantas de España que utilizan o modelo húmido-seco e o que pedimos é que na nova lei que está tramitando o ministerio se nos teña en conta.

—Daquela a preocupación polo futuro das plantas de residuos vai máis aló da de Lousame.

—É unha preocupación que hai en todo o territorio nacional. Hai máis de un millón de persoas usuarias que dependen de plantas como a nosa e contamos con que o ministerio nos teña en conta, porque ademais estamos máis avanzados que outros sistemas para cumprir cos obxectivos que marca Europa.

—Os traballadores estanse a mobilizar ante a incerteza que existe, contan co apoio da mancomunidade que preside?

—Por suposto. A planta de reciclaxe é unha das industrias máis grandes que hai na nosa comarca. Reunímonos en varias ocasións co comité de empresa e témolos informados de como están as cousas.

—E como están as cousas no seo de Serra do Barbanza?

—Temos o problema de que contamos con poucos recursos humanos. A persoa que estaba de interventora tivo de deixalo e tivemos que buscar outra, que agora se está poñendo ao día de todo. Na mancomunidade tiña que haber unha xerencia como houbo no seu día, pero os recursos que temos dan para o que dan e hai que adaptarse. Unha vez que a maquinaria administrativa estea xa funcionando a pleno rendemento, haberá unha reunión da xunta da mancomunidade para analizar a situación actual e o futuro, a elaboración dun plan de viabilidade, a modernización das instalacións...

—A renovación da planta é unha das grandes preocupacións, onde están buscando recursos para levala a cabo?

—Temos a unha persoa traballando niso, na procura de liñas de subvención ás que poidamos optar. Saíron axudas a nivel autonómico para plantas de reciclaxe e tamén estatais, estamos explorando a posibilidade de optar a fondos europeos. E tamén está pendente unha reunión coa Deputación da Coruña, que sempre tivo un papel importante e foi a Administración que máis axudou á mancomunidade nos últimos anos.

«Non se vai cortar o servizo no 2023»

Un ingrediente que contribúe ao clima de incerteza que envolve a actividade na planta de Servia é a proximidade do 2023, data na que caduca a actual concesión. Con respecto a isto Saborido móstrase cauto e avoga por non xerar un alarmismo innecesario.

—En que punto está a renovación da concesión?

—Finaliza no 2023, pero está previsto nos estatutos a renovación automática da concesión ata que haxa un novo contrato, non se vai cortar o servizo no 2023. O que temos que facer é reunirnos e decidir por canto tempo será esa prórroga e en que condicións. A asemblea será a que decida, pero podemos aprobar unha prórroga para facer un novos pregos con calma. Entendo que os traballadores queiran ter unha certeza de futuro e estabilidade, pero o que me gustaría é que non se creara alarmismo, as cousas van de vagar e non se poden tomar decisións á lixeira nun asunto tan sensible coma este.

—Como é a relación coa concesionaria do servizo?

—Estamos en contacto e a empresa está pola labor de colaborar no que se poida para mellorar o servizo. Unha das inquietudes máis grandes agora é habilitar un novo vaso para os residuos orgánicos, hai un terreo dispoñible pegado á planta, pero hai que xestionar os permisos e ver como se fai. Tamén nos trasladaron a intención de eliminar a quenda de triaxe de noite e reforzar as liñas de día, pero iso non vai significar un recorte de persoal.