Entre a gavia e a gavota

José Vicente Domínguez
José Vicente Domínguez LATITUD 42°-34?, 8 N

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

19 may 2022 . Actualizado a las 10:28 h.

No meu pobo dicimos ghavota, cambiando a gue pola gheada. A min e máis aos meus coñecidos, gústanos máis chamarlle así. O de gaivota é demasiado fino para unha ave capaz de encher os coches de lixo ou de roubarnos as tapas na terraza dun bar.

O nome de gavota ben de gavia. Que tamén se lle chama a esa vela do mastro maior que pode semellar unha ghavota coas ás despregadas. Iso, é máis novelesco e soa mellor que aquilo de: «Ghavotas a terra, mariñeiros á...».

Pero as ghavotas son algo máis ca iso. Alá polos anos setenta, o conto de Juan Salvador Gaviota loando as ghavotas causou furor en todos nos. Tanto foi así que ata o Partido Popular decidiu acoller a ghavota como logo; aínda que un tal Fernando Martínez Vidal, creador do coñecido logo, énchese de dicir que non é unha ghavota senón un charrán; que ven sendo outra ave mariña igualmente elegante. Pero o malo é a acepción pexorativa do termo charrán que, segundo a RAE, refírese a: «Persoa que actúa sen honradez ou con maldade». De maneira que ao señor Martínez Vidal, aínda no suposto de que lle pagaran en diferido, ben faría estar calado.

Non hai moito, aprendín unha utilidade das ghavotas que descoñecía. E non falo das do PP xa que as súas cousas están baixo segredo do sumario; falo das voadoras e gráciles aves que, polo visto, poden servir para algo máis que para defecar a barlovento ou en calma por enriba de nos. Tal virtude da que lles vou falar, aprendina do meu amigo e mestre de tantas cousas habidas e por haber, como é o señor Chousa.

Algúns xa coñecíamos certas calidades olfactivas dos porcos e dalgún can para detectar as valiosas trufas. E tamén se conta deses animaliños foráneos chamados koalas, capaces de detectar as toxinas polo sensor que teñen no seu prominente nariz.

Pero non chegara aos meus oídos a posibilidade de que as ghavotas puidesen detectar a toxina dos mexillóns.

O amigo Chousa que, a modo de biólogo, tripulaba un barco da Xunta chamado Gaivotiña, decatouse de tal interesante propiedade (que ben merecería un estudio máis a fondo), da seguinte maneira: O Gaivotiña viña de tomar unhas mostras de mexillón de diferentes bateas. Unhas eran de polígonos con toxina e outras sen ela.

Pois ben, nada máis atracar en Ribeira e botaren as mostras a terra, as ghavotas empezaron a comer nos mexillóns sen toxina, deixando os outros.

«Sería porque estaban máis frescos», retrucamos quen escoitabamos o relato.

«As ghavotas non se paran niso», respondía o mestre Chousa, que coñecía ben a fondo toda clase de ghavotas.