
A forma e as dimensións das vivendas inciden directamente na saúde das persoas e no consumo enerxético en iluminación e climatización. En Galicia levamos cen anos equivocándonos. Xa nos anos 20 do século pasado —hai 100 anos—, o movemento moderno e as teorías hixienistas dos arquitectos daban pautas para corrixir as enfermidades da época.
A orientación correcta, a iluminación natural e as dimensións xa eran parámetros comprobados para unha vida máis saudable e para a eficiencia enerxética. A groso modo, o fondo edificable de 12 metros en zonas urbanas é a dimensión ideal para recibir luz e ventilación polas dúas fachadas, e aumentar esta dimensión supón cuartos escuros e insalubres.
A revolución industrial trouxo a masificación e a especulación nas cidades da época, nas que se acumulaban os traballadores en vivendas tristes e lúgubres. En Galicia seguimos facéndoo, e podemos ver casas de 20 metros de fondo, nas que so hai luz suficiente na metade da vivenda, porque os patios interiores son tamén insuficientes.
Nas sociedades modernas e avanzadas xa reclaman outro tipo de vivendas, pero en Galicia esa esixencia aínda non está no debate social. É máis, os propios plans urbanísticos favorecen a vivenda indigna, permitindo fondos edificables moi superiores aos 12 metros, permitindo patios interiores de nove metros e cuartos de baño sen ventilación natural. É necesario impulsar unha nova lei do solo que anule eses parámetros urbanísticos se queremos unha eficiencia real e unha saúde óptima.
Necesitamos ter exemplos para que os cidadáns busquen vivendas máis alegres.