«O meu obxectivo é evitar perder todas esas lendas acerca do Pindo»

Adriana Quesada / A. S. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Ana Garcia

A ilustradora publicou un libro inspirado en historias relativas ao Olimpo Celta

25 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende o comezo dos tempos, Galicia é recoñecida por ser terra de meigas e lendas. Repleta de paraxes cargados de maxia, as aldeas están cheas de persoas coñecedoras da historia oculta da súa terra e que van pasando estes coñecementos a viva voz. Non obstante, en ocasións xorden historias tan espectaculares que, para algúns, é inevitable deixalas rexistradas no papel. Este é o caso de Laura Suárez (Dumbría, 1994), autora dun libro ilustrado que relata algunhas das lendas e historia do monte Pindo.

Cando era unha nena xa lle gustaba debuxar e «tiña a casa chea de libros», afirma. Non obstante, non era consciente de que nas historias que lía había persoas detrás ata que unha profesora lle asegurou que ela tamén podía facelo: «Foi nese momento no que comecei a enfocarme en ser a que debuxaba e escribía os libros».

Por ese motivo estudou a carreira de Belas Artes en Pontevedra, a pesar de que pediu un traslado de expediente a Valencia para poder centrarse máis na Ilustración, a disciplina que máis lle interesaba. No momento de rematar a carreira enfocouse en publicar, algo que conseguiu ó ano seguinte, tras presentar dous proxectos a dúas editoriais distintas que foron aceptados.

Unha nova obra

A finais do 2021 publicou o terceiro libro escrito e ilustrado por ela, Monte Pindo. Historias e lendas do Olimpo Celta. Esta obra nace dunha forma «un pouco inculcada», xa que é obxecto da frustración que sentiu ó acudir a unha guía neste monte impartida por Pepe do Fieiro: «Decateime de que, a pesar de todas as veces que eu subía ó monte, non sabía nada do que el contaba».

Foi nese momento no que se decatou de que había material máis que dabondo para crear un libro, sobre todo para evitar «perder todas esas lendas acerca do monte que rematan desaparecendo coa xente que as coñece». Desta forma comezou a buscar a todas aquelas persoas que estiveran informadas sobre a lenda e historia do monte para poder comezar a súa historia.

«Detrás deste libro hai dous anos e medio de traballo se temos en conta a recompilación de información, creación do proxecto e elaboración do mesmo», asegura a artista. Non obstante, é un traballo que rematou por valer a pena e que recibiu o visto bo da editorial Galaxia, toda unha institución a nivel galego, no momento de presentarllo.

Co obxectivo de facer unha obra liviá para «esas persoas que teñan curiosidade», rematou por crear un libro dirixido cara un público infantil. Desta forma, pretende que os máis pequenos coñezan a historia que ela «descoñecía ata o momento no que asistiu á guía», pero tamén conciencialos sobre o medio ambiente e «o respecto que hai que ter cara as cousas que son de todos, como é o caso deste monte».

A cova da Xoana

De entre todos os seus descubrimentos destaca a lenda que rodea a un túnel que «traspasa a montaña». Segundo a lenda, neste lugar reuníanse as bruxas para facer rituais a noite de San Xoán e, despois de estar alí, saían nas súas vasoiras a molestar á xente do pobo e roubar.

«A verdade é que é un lugar moi especial», asegura. Isto débese aos elementos que hai nela, como un símbolo gravado na pedra, pero tamén a atmosfera que hai neste sitio: «Pinga por culpa da humidade, pasa o vento todo o tempo e emite sons bastante estraños».

Outras obras. É autora e ilustradora de Una bona amiga e Los cuentos de la niebla, ambas do 2019.

Referentes. Ilustradores como Maurice Sendak e Carson Ellis marcárona.