
Tero Rodríguez conta as dificultades que ten interpretar mulleres históricas
26 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Tero Rodríguez (A Baiuca, Catoira, 1970) é o rostro feminino do teatro no Castelo de Vimianzo, nas Torres do Allo, no Dolmen de Dombate, no Castro do Tegra... Recoñecemos nela a Maruxa Mallo, a Jacinta Landa Vaz, a María Miramontes, a Josefa García Segret e, sobre todo, a Rosalía de Castro. Escribe, dirixe e interpreta espectáculos de pequeno e gran formato, con elenco profesional ou afeccionado, e case sempre na compaña do seu parceiro nos Quinquilláns, Lucho Penabade. Todo isto é froito dunha vida enteira de amor ao teatro.
A primeira pregunta é obvia. Por que o teatro?
—Teño comprobado que podo traballar noutros oficios a cambio dun salario, mais o teatro para min é unha paixón que non deixa lugar á preguiza nin ao aburrimento, e nalgún momento duro funcionou como terapia, afastándome do drama persoal. Tamén o teatro é para min unha canle para, humildemente, contribuír á liberdade e á xustiza social. Sempre quixen dedicarme a isto e conseguilo é, sen dúbida, un triunfo sobre o que se ergue a miña libre e deliberada maneira de vivir. Por outro lado, nos momentos de maior felicidade profesional, compráceme imaxinar a satisfacción de quen me apoiou para que isto acontecese; sobre todo a miña parella e a miña amiga Viqui.
Como foi o encontro con Lucho Penabade?
—Coñecémonos a principios dos noventa do século pasado, cando xa Lucho dirixía Os Quinquilláns, compañía referente de teatro de rúa. Asistimos a un curso de interpretación impartido por Manuel Lourenzo no que nos tocou montar unha escena entre os dous. Xa daquela Manuel dixo que faciamos unha moi boa parella cómica. Non obstante, non traballamos xuntos ata case vinte anos despois, cando en 2009 Lucho me chamou para codirixir Arrieir@s, unha montaxe de rúa cun elenco de sete persoas. A partir de aí participei en todas as montaxes de Os Quinquilláns, que os dous coproducimos desde o ano 2014. Sempre lle agradecerei a Lucho o moito que aprendín e aprendo ao seu lado, e que desde o principio me fixese sentir «da casa».
Supoño que unha das maiores dificultades do teu traballo actoral é o de transformarte en personaxes históricas moi coñecidas. Como é o proceso?
—Interpretar a grandes mulleres da nosa historia é un dos privilexios que me dá esta profesión. Si, é complicado, porque preciso competir co referente que a xente xa ten no seu imaxinario. O proceso de transformación implica tratar de achegarse ao seu aspecto físico, observando fotografías ou pinturas, e imitando peiteados, vestiario, maquillaxe... Incluso nalgún caso, como Maruja Mallo, foi moi valioso contar con vídeos nos que observar como xesticulaba, como movía as mans, como vocalizaba, incluso o seu xeito de mirar. Para decidir como abordar a súa personalidade e o seu carácter, temos que investigar canto poidamos desa personaxe e da súa época, e no caso de ser unha muller que escribiu, por suposto, ler unha e outra vez a súa obra, que con certa frecuencia contradí o que desa autora se ten interpretado.
Esta identificación coa personaxe implica un custe emocional?
—Para min o custe emocional non está no tipo de personaxe que interpreto senón no enorme desgaste e estrés que supón facer unha montaxe teatral, privando de ocio, de tempo para estar coa familia, de sono. Tamén ten un gran prezo anímico a vulnerabilidade que supón ter que expoñer constantemente a xuízo público o meu traballo. Por iso este é un oficio tan vocacional; ou te apaixona ou non poderías facelo.
Fálanos da escrita.
—A fase de escrita dos textos ten para min sempre unha primeira etapa de moito sufrimento, cando estou buscando a trama, as personaxes, o conflito, en fin, cando as infinitas posibilidades paralizan o proceso e non dou arrancado. Antes de escribir a primeira liña de diálogo preciso ter decidido que é o que quero contar e ter deseñado o esquema das escenas, aínda que o habitual sexa que despois o propio proceso de escrita vaia modificando o bosquexo. Cando esta parte está resolta e os elementos van encaixando é cando comezo a desfrutar.
A vosa última montaxe ten que ver coa apertura da Torre de Goiáns para o público. Como está a ser a experiencia?
—Para Os Quinquilláns é un luxo estar facendo teatro en lugares patrimoniais emblemáticos, pero ademais, no caso de Goiáns, agradecemos moito ao Concello de Boiro que nos permita participar deste momento histórico no que a Torre de Goiáns, xa propiedade do pobo, abre as súas portas como un ben da xente e para a xente. A veciñanza acode con grande emoción ás funcións teatrais que facemos alí, porque ve representada a súa propia historia social e familiar e o personaxe de Consuelo comparte as súas reivindicacións. A nosa pretensión sempre foi a de contar a historia de Goiáns, pero tamén a de homenaxear a xente do traballo que mantivo toda esa riqueza en pé.
Unha vida para a escena
Tero Rodríguez é licenciada en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa (USC) e en Arte Dramática (Esad de Galicia), especialidade de Dirección de Escena. Actriz e directora de espectáculos teatrais, ten participado en montaxes de Cordayre, Nobicarelo, Lagarta Lagarta, Os Quinquilláns, Fantoches Baj…
Leva anos impartindo obradoiros teatrais en A Coruña, Catoira, Brión, Boiro, Cabana de Bergantiños, Vedra, Compostela…
Na dobraxe dirixiu os espazos sonoros de proxectos como a colección Audiocontos (Ed. Galaxia) ou as audioguías Sentir Teo e Roteiro Castelao de Rianxo.
Ligada a Fantoches Baj por Os vellos non deben de namorarse —marionetas para adultos— e María Miramontes desde alén e Mensaxe do mar, arredor da figura de Maruxa Mallo.
A temática de memoria histórica e muller está presente nestes dous últimos títulos citados e tamén en Legado de Jacinta Landa Vaz, Memoria do 36 en Vimianzo, O tesouro da avoa, A señora de Forcadela, A canteira ten memoria, Roteiro rúas con memoria (Deputación de Pontevedra) e no documental Acorda, interpretando a Ernestina Otero.
Os Quinquilláns
Desde 2009 traballa ao lado de Lucho Penabade en Os Quinquilláns, como autora, directora e actriz de espectáculos de sala, de rúa, infantís e de adultos, especializándose en funcións escolares distribuídas pola ed. Galaxia (Espantallo amigo, de Neira Vilas; Cousas, de Castelao; Language Planning) e en montaxes teatrais exhibidas en espazos emblemáticos; Castelo de Vimianzo, Torres do Allo, en Zas; Parque arqueolóxico de Campolameiro, Pazo de Oca, Paseo Indiano e Ribadeo ilustrado, Roteiro literario de Rianxo, Dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños; Casco Histórico e Castro de Santa Tegra, de A Guarda; Castelo de Moeche, Moraime, en Muxía; Banquete de Conxo, en Compostela; Batalla de Cacheiras e Per caminho de Lampai, en Teo; Torre de Goiáns, en Boiro...