O san Xacobe

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

15 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ooutro día, cando chegamos á Pobra e aparcamos diante da igrexa do Castelo, a cabeza viroume, por acto reflexo, cara algo que non estaba ben. Era o noso san Xacobe do adro da igrexa do Castelo, a quen lle practicaron a traizón unha viraxe de 45° sobre o pedestal coa nocturnidade e aleivosía da fin de semana anterior. Debe haber algún bareto que debe fortificar os cubatas con cemento, porque se non, non me explico como o deron conseguido.

A min teríame gustado que san Xacobe practicara un milagre. Por exemplo, que se tivera desprendido da peana e aterrado con todo o seu santo peso granítico sobre os pés dos vándalos, ou que zorregara con ese seu máxico caxato ao que as lendas europeas asignan a propiedade de espantar os demos.

Hai tempo que na Pobra e no Barbanza espertamos na inocencia de que podiamos convivir coas nosas imaxes ancestrais do mesmo xeito que os nosos devanceiros. Velaí está a virxe do Cruceiro Novo —felizmente recuperada— e agora este novo suceso.

Que facer? Unha imaxe é moito máis que pedra. Cando eramos nenos e saiamos xogar, bicabamos as avoas e comadres da familia e dabámoslle croques ao santo, ao igual que se facía no Pórtico da Gloria. Aínda que a tradición está perdida, o noso Xacobe que mira o mar é testemuña do que a propia Pobra é: orixes compostelás, mar arousán.

A tradición dos croques está perdida, pero hai outras aínda ben fortes. Atopeime un veciño que tamén miraba para o santo. «Sabes que é o peor?», díxome. «Que mira para o Caramiñal».