Omartes Don José saiu da igrexa do Castelo, na Pobra do Caramiñal a iso das dúas da tarde. Como nos está a pasar a todos estes días cara o adro, viramos instintivamente os ollos cara o fornelo no que está depositada a escultura máis antiga do concello da Pobra, o noso San Xacobe, de quen lles falei o xoves pasado. É como cando un cadro da parede comeza a inclinarse e xa non podes mirar outra cousa.
O párroco ficou abraiado. Se hai unhas semanas uns vándalos viraran a estatua sobre o seu eixe e a puxeran mirando cara o norte, alguén agora rectificouna sen consultar. San Xacobe volve atender, como fixo durante tantos anos, á descarga de túnidos no peirao novo e o paso das señoras da Covecha cara a compra diaria na praza.
Non só é a escultura máis antiga e venerable da Pobra, senón o noso xubilado observante máis veterano. Cantas obras non terá visto San Xacobe! E sen criticalas nin a primeira vez!
Tendo a certeza de que nin o párroco nin o alcalde saben nada deste reviramento, o único que cabe supoñer é que os mesmos vándalos que viraron o santo tamén o devolveron á posición orixinal.
Tamén está a posibilidade de que un comando especial do Castelo fixera unha operación discreta e rápida para restituir a orde perdida no adro.
O caso é que se fixo. «Cando menos xa non mira para o Caramiñal», suspiraron aqueles veciños preocupados polo interese de San Xacobe na parroquia veciña. Se cadra o Nadal consista nisto, e agardemos que morra o conto. Sexan felices esta fin de semana.