A que hora pasa o coche das catro e media?

BARBANZA

29 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Sendo eu mozo, moito antes de que chegaran os reloxos xaponeses, rara era a persoa cun pai navegante que non tivese un reloxo Cauni ou Dogma Prima. Tan só era cousa de que o barco no que navegaban entrase en Ceuta ou en Canarias. Eran daqueles reloxos coa esfera luminosa na escuridade, aos que había que dar corda e axustarlle o horario de cando en vez, e protexelos das humidades do mal tempo.

—Qué hora tes Manolo?

—As tres e dez.

—Eu teño as tres en punto... Paréceme que o meu atrasa bastante.

—Seguro, pois eu teño a tres e cinco —dicía Chousa, que estaba o quite,— debeuche de coller humidade.

E así, con semellante precisión e estradas cheas de fochancas, era pouco menos que imposible que o Sarasquete, o Celta ou o Veloz fixeran as paradas ás horas previstas. De aí que houbese que preguntar se xa pasara o coche das catro e media. Hoxe en día, con bos autobuses, mellores rúas e precisos reloxos que afinan á décima de segundo, non é de recibo que o amigo Sampedro (por poñer un exemplo dos moitos outros avós que me piden que conte isto) teña que madrugar para levar as netas ao instituto, porque o bus escolar non se axusta ao horario establecido e non é cousa de se fiar.

Ao parecer, despois de varias xuntanzas dos mandatarios municipais cos responsables do transporte escolar, as cousas seguen máis ou menos o mesmo. Por elo, os avós interlocutores meus se preguntan: Non será hora de lle abrir un expediente sancionador a compañía de transporte escolar, tal que se fixo coa empresa do alumeado por non poñeren a tempo nas parroquias os arboriños do Nadal? Pero claro, sempre houbo probes e ricos e, algúns destes, con máis poder que moitos concellos.

Habería que aproveitar estes días que faltan para o comezo das clases para axustar ben os horarios dos buses, falando cos colexios e coas ANPA e, en caso de reiterado incumprimento, actuar sen contemplacións e abrirlle tamén un expediente sancionador á empresa adxudicataria. O que non sería de recibo é que os donos dos buses teñan a bula que outras empresas non teñen. E que non se lles ocorra botarlle a culpa ás estradas ou ao mal tempo. E moito menos aos reloxos. No meu derradeiro artigo deste ano, por aquilo do espírito do Nadal, non era a miña intención falar disto, nin do serio problema das humidades nos centros médicos e todo iso. Pero ás veces hai que compracer aos amigos.

Feliz e puntual 2023!!!