
Con moita máis frecuencia do habitual lense na prensa ou en Facebook opinións de señores cabreados.
Pescan palabras raras que ven por aquí e por alá, que non entenden máis que a medias, e botan contra elas coma se no fondo quixeran conxuralas e erradicalas do mundo seguro no que vivían.
O que peor levan é o feminismo, o xénero e a sexualidade; especialmente no que significan en termos de políticas públicas.
Cando os leo penso eu: e logo este home non terá ninguén na casa que lle avise de que fai un pouco o ridículo. Vaia falso mito é ese de que a xente se fai máis comprensiva, sabia e tolerante cando envellece. Asistimos á reacción contra o natural devir do mundo na que a prudencia deixou de ser un valor aprendido.
A estes señores eu pediríalles un pouco de empatía. Porque cada xeración ten a súa teima, como eles tiveron as súas. Como viviron a aprobación da igualdade xurídica dos sexos, pensan que xa está. Pero só foi o comezo.
Se os homes nos puxeramos na pel dunha muller e abriramos unha rede social, veriamos o babosos que os tíos podemos ser.
Se volveramos sós pola noite habiamos sentir estes medos que elas senten; escoitariamos os insultos dos zumbados que pitan nas rotondas, ou porque, no fondo, a fronteira entre a amabilidade e o interese sexual de moitos homes é mínima e as oportunidades de confusión e situacións complicadas continuas.
Que unha nova xeración queira mellorar iso debe darnos, cando menos, respecto. E vontade de comprender.