
Voulles dicir que é o que máis me gusta de que un veciño de Corrubedo levara o principal premio de arquitectura do mundo, o Pritzker. Descoñezo se David Chipperfield ten xa alcume en Corrubedo (O’Inghlés?). Se non o ten, xa están tardando en poñerllo. Un alcume é tan duradeiro como un título nobiliario, pero baseado en feitos ben máis reais. Chipperfield meréceo non porque sexa un veciño ilustre senón porque está comprometido coa comunidade que o rodea.
Temos unha comarca cunha certa abundancia de segundas residencias de persoas de gran valía e actividade profesional destacada, aínda que ás veces sen tanto glamour internacional. Eu entendo ben para que valen as segundas residencias: son lugares para descansar, para deixar atrás as preocupacións do traballo e as tensións da semana laboral. E ben lles chega se conseguen crear un locus amoenus (o «lugar idílico» dos antigos) no Barbanza. Non hai que pedir máis.
Pero ás veces dáse a fortuna que algunhas desas persoas inician un xeneroso proceso: pasan de ter unha casa a compartir un territorio. E suceden cousas notables: agasállannos coa súa experiencia, poñen a disposición a rede de contactos, dannos visibilidade en círculos interesantes, constrúen talento.
Nun mundo no que a valía intelectual é tan cara e está tan pouco repartida, tecer complicidades cos nosos veciños de segunda residencia, sermos acolledores, implicalos na comunidade, é cultivar activos clave que poden contribuír ao desenvolvemento, en todas as ordes, da comarca.