Manola Vázquez, a rianxeira experta en xogos tradicionais: «Os pobos existen a través da súa cultura lúdica»

BARBANZA

A docente forma parte do Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, que acaba de publicar un libro
22 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Os xogos son, ademais dun elemento crucial na infancia, unha parte inestimable da cultura de cada lugar, de cada pobo. Precisamente por esta razón, hai quen se dedica ao estudo deste fragmento do patrimonio, analizando unha por unha as prácticas que se empregan para pasar o tempo dun xeito máis ameno.
Unha das entidades dedicadas a este campo é o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, un grupo do que forma parte Manola Vázquez, rianxeira apaixonada polo folclore e peza fundamental na publicación da obra que recompila un gran número de xogos tradicionais nas súas páxinas.
«A idea xorde cando empeza o confinamento e cada un está encerrado na súa casa. Pensamos que estaría ben contribuír á situación a través de enredos, de xogos, e ir subíndoos á páxina web e difundíndoos a través das redes sociais». Así explica Manola Vázquez o comezo dun proxecto que acabaría en Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida, unha obra da que formaría parte e na que asinaría o prólogo.
Unha vía de escape
Precisamente o contexto de pandemia no que xorde esta publicación é clave para entender o seu obxectivo, algo que sinala a rianxeira: «Todo o libro está confeccionado para o tempo no que estabamos vivindo, un momento de incerteza, de medos, no que non nos podiamos relacionar con ninguén excepto coas persoas coas que conviviamos no mesmo fogar. O xogo tiña que ser para un grupo reducido e pensando en que, hoxe en día, as familias son distintas, o número de participantes é máis reducido».
Outro dos factores que se tiveron en conta á hora de escoller os xogos, e tamén un dos principais obstáculos, indica a docente, era a cuestión do espazo dispoñible para levalos a cabo: «Antes tiñamos o privilexio de estar no rural, ou de habitar nunha casa, pero as localizacións eran un punto a ter en conta porque mudaran de xeito substancial. Ademais, tiñamos que tentar que foran actividades que non precisaran de demasiado material ou de ningún en absoluto, como o Vexo vexo ou o Antón piruleiro».
Tendo eses factores en conta créase a publicación, que consta de catro partes. «Están os xogos tradicionais, que son 63, a papiroflexia e outras brincadeiras e os enredos, que son xoguetes con tapóns de cortiza. Despois, tamén hai unha parte de ligazóns a outros tipos de xogos ou contidos menos lúdicos pero do patrimonio, como poden ser cantigas galegas, que aínda que non entren na mesma categoría si son unha parte esencial da cultura».
Outra das cuestións que se tiveron en conta á hora de recoller este tipo de actividades foi a importancia de reciclar materiais de refugallo ou que se puideran atopar en calquera casa: «Por dicir algún exemplo, para xogar á chave, se non tes a propia peza de ferro cos seus detalles, pode crearse con dúas garrafas de auga atravesadas por unha vara de madeira».
O observatorio
En canto a quen conforma o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, Manola Vázquez sinala que non se trata dunha entidade formalmente consolidada, senón que o que lles une é unha sensibilidade en común: «Trátase de ter unha certa empatía co patrimonio lúdico galego. Eu son un membro máis deste observatorio e investigadora, por suposto, do legado de xogos galegos. De feito, a miña tese vai nesa dirección».
A inclinación da rianxeira por esta rama do patrimonio, que xorde dende o comezo dos seus estudos académicos ligados ás actividades físicas, consolídase ao longo da súa traxectoria polas diversas funcións que cumpren os xogos máis alá de divertir: «Permiten que adquiras moitas aprendizaxes de cara a relacionarte con outras persoas. O meu interese nace de aí, dende a miña idade máis temperá. Estando tan presente na miña vida, decidín enfocar a miña tese cara ao xogo tradicional pero con perspectiva de xénero, o que pertence ás mulleres do rural».
Sobre a importancia dos recordos doutros tempos que recolle Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida, Manola Vázquez amósase contundente: «Os pobos existen tamén a través da súa cultura lúdica. Por iso é importante investigar, recuperar e facer chegar á sociedade os xogos tradicionais, que non deixan de ser parte de quen somos»