Amantia Coello: «Comín crises e traballos precarios dende que saín ao mundo laboral»

Marina Losada Vicente

BARBANZA

Abraldes

Reivindica o teatro como materia no currículo do ensino obrigatorio

27 may 2023 . Actualizado a las 11:35 h.

O bo de facer esta entrevista é que non só nos permite profundar nas razóns que levaron a Amantia, licenciada en Psicoloxía, a decidir facer do teatro o seu medio de vida, senón que tamén nos descubre a muller, a formadora de novas actrices e actores, que hai detrás. Véndoa traballar, coa seriedade, o rigor e o sorriso na súa mirada, entendes que nas súas aulas de teatro teña lista de espera.

—Cando decides compaxinar os estudos de Psicoloxía e os de interpretación e dirección, intuías que acabarías dedicándote de forma profesional ao teatro?

—Sempre me quixen dedicar ao teatro. Dende que o descubrín de nena foi un frechazo e xa non me puiden separar del. A miña familia non se opuxo, mais gustaba de que fixese unha carreira (eses tempos nos que supostamente tela garantía dun futuro con certa dignidade laboral) e a ESAD estaba a punto de abrir; así que ideei o «plan perfecto»: estudar a licenciatura e logo facer interpretación. Spoiler: non saíu como o planeei pero si rematei no teatro.

—Fálame de Medrar-T desde o punto de vista da profesional que hai detrás. É complicado manter unha empresa deste tipo?

—Comín crises e traballos precarios dende que saín ao mundo laboral, así que decidín intentalo pola miña conta, e aquí estou. Levar unha empresa é laborioso. Medrar-T foi concibida para apostar pola educación e a intervención social dende bloques de contidos que se adaptan á demanda e, cada vez máis, a xente coñécenos e conta con nós. A singularidade e novidade da oferta ou a formación específica son fortalezas. E si hai dificultades como traballar por proxectos, que pode levar a certa estacionalidade.

—Es quen de limitarte a dirixir ou tes disposición de abarcar outros campos, como pode ser vestiario, decorados, son...?

—Comecei dirixindo en teatro independente no que os medios cos que contabamos eran mínimos, e iso faiche desenvolver ao máximo as túas capacidades e tocar moitos paus. Hoxe adoito asumir deseño do vestiario —co cal gozo especialmente—, espazo sonoro, e colaboro na iluminación. Cos grupos xuvenís escollemos a temática, improvisamos e, logo, escribo o texto.

—Aínda que a dirección é unha actividade moi absorbente, sénteste tentada a facer interpretación?

—Comecei formándome en interpretación. É unha disciplina coa que gozo infinitamente, e foron moitos anos de actriz ata que me decatei de que había algo máis alá, a posibilidade de ser a creadora de novas realidades, comunicar dende novos mundos, e lanceime. Ás veces penso que se con 18 anos comezase interpretación ao mellor non pasaría o proceso que me trouxo ata aquí. Para min non existía a posibilidade. Dicíanme: «Queres ser actriz?», pero non lembro ninguén que me dixese: «Queres ser directora?». Pode que teña que ver co xénero. Foi, a base de observar o oficio, de descubrir referentes e madurar, cando fun consciente de que sempre estivo aí.

—Pensas que sendo psicóloga podes sacarlle máis partido, para a interpretación, ás persoas que acoden aos teus cursos de teatro ou a quen traballa baixo a túa dirección?

—Certo é que esa formación acompaña o meu perfil, pero non teño claro que inflúa. O que si me ten pasado no teatro comunitario é ter que matizar que un obradoiro ou grupo de teatro, fundamentalmente, é arte. Outra cousa é que a práctica teatral en si ten beneficios psicolóxicos individuais e colectivos innegables que poden actuar como axentes preventivos ou complementar certos tratamentos.

—Á hora de formar ou dirixir, hai unha franxa de idade na que te atopes máis cómoda?

—Desfruto con cada realidade. Soa a tópico, pero empápome das persoas e do contexto, e hai unha aprendizaxe mutua. Pero confesarei que gozo especialmente do traballo con adolescentes. E aproveito para reivindicar o teatro como materia da Educación Artística no currículo do ensino obrigatorio de xeito normalizado.

—Que lle dirías ás persoas que están pensando en iniciarse no teatro como actividade de lecer e tempo libre? Animámolas?

—Animámolas todas, adultas e crianzas! Facer teatro é expresión, comunicación, liberdade de mente e corpo, crecemento… e, sobre todo, unha arte viva. Amais son múltiples os aspectos que se exercitan coa súa práctica (movemento, memoria, atención, empatía etc.). Así que, adiante!

—Como valoras a situación actual do teatro nas vilas como a de Rianxo? E xa que estamos, sendo que es un pouco trotamundos, ves posibilidades de afincar aquí?

—Hai vilas moi activas que teñen integrado no seu ser o teatro, como Rianxo, Vedra ou Narón, e nótase en como o pobo responde ante propostas deste tipo. Con todo, para a continuidade e consolidación destas actividades, o apoio das institucións é preciso. Galiza está chea de vilas e, ben por falta de medios ou de interese, hai deberes pendentes en moitas. Quen sabe que pasará no futuro! Pero o que é seguro é que, dende que cheguei, sentinme na casa.