As explicacións

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Dos miembros de una mesa electoral recuentan los votos, en una fotografía de archivo
Dos miembros de una mesa electoral recuentan los votos, en una fotografía de archivo CARMELA QUEIJEIRO

15 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Este tempo en suspenso antes da constitución das novas corporacións municipais e provinciais é ideal para decatarnos de que a política institucional está metida ata o fondo na nosa sociedade. Desde o financiamento dun obradoiro de papiroflexia ata o asfaltado da condenada pista, todo fica á espera de como se resolvan as cousas nos concellos con situación menos clara.

É certo que ás veces o motivo é lóxico: alguén ten que tomar unha decisión con cartos públicos. Pero noutras moitas, é a inercia algo preguiceira dunha sociedade que non quere saber que pode facer multitude de cousas sen pasar polo despacho do alcalde. Sermos conscientes de que o noso mundo para durante varios meses por unhas eleccións debera convencernos de que ir votar non é cousa menor.

Entrementres, vemos partidos políticos que negocian; hai quen se une a gobernos, hai quen rexeita participar neles aínda que podería. Partindo da base de que as negociacións deben ser discretas, os acordos e as decisións finais que se toman si deberan ser públicas. A min pásmame que os partidos non dean apenas explicacións das súas decisións de alianzas, rupturas ou medias tintas cando afectan á composición da corporación municipal.

Deberan explicar que ganan os partidos con elas e, sobre todo, cales son as súas consecuencias para eses gobernos que os cidadáns escollemos a través deles. Que haxa mutismos, evasivas e polo xeral poucos detalles dá para sospeitar e non contribúe nadiña a que a sociedade valore as súas institucións.