O Premio Atlante incorpora unha nova categoría cun galardón en homenaxe a Manuel Ayaso

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Os gañadores da pasada edición recibiron os seus galardóns nun acto celebrado no Museo do Gravado de Artes

09 sep 2023 . Actualizado a las 21:18 h.

Era a entrega dos galardóns aos gañadores da decimocuarta edición do Premio Atlante de Gravado, pero o acto que tivo lugar este sábado no Museo do Gravado de Artes converteuse tamén nunha homenaxe ao recentemente falecido Manuel Ayaso. Foi así non só porque todos os presentes recordaron a súa figura nunha cita tan relevante, senón tamén porque se aproveitou para anunciar a creación dunha nova categoría dentro do Atlante en homenaxe ao inmortal artista ribeirense.

Foi o director do museo, Pastor Rodríguez, quen deu a coñecer unha nova convocatoria dos galardóns de gravado que incluirán o Premio Manuel Ayaso para artistas menores de 25 anos, que estará dotado con 2.000 euros.

A Ayaso aludiu tamén José Manuel López Vázquez, que falou en representación do xurado para achegar luz sobre o difícil traballo de xulgar as máis de 300 obras presentadas á última edición do certame e para recordar ao pintor ribeirense: «Coido que é o primeiro despois de doce anos que el non está no xurado e botámolo moito en falta».

Alfonso Costa deu lectura á acta co veredicto e acto seguido procedeuse á entrega de galardóns. Con algún que outro problema técnico que se conseguiu solucionar, os asistentes puideron ver o vídeo de agradecemento que enviou dende Tailandia o gañador do Premio Ramiro Carregal, Prakam Jantaravichit, que explicou que o concepto da súa obra xira arredor da distorsión emocional da xente trala crise do covid-19.

A madrileña Mari Carmen Isasi Martínez recolleu un dos tres Premios Atlante de mans do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e reivindicou a beleza, que tratou de reflectir no seu traballo. Os outros dous artistas gañadores do Atlante, Federica Bau e Marco Poma, tamén enviaron vídeos de agradecemento, mentres que a pontevedresa Carolina Bouza estivo en Artes para recoller o Premio Galicia.

Durante o acto, que estivo presidido por Ramiro Carregal, patrono do museo, tamén houbo moitas alusións ao carácter cada vez máis internacional do certame nacido en Artes, entre elas a do vicepresidente da Fundación do Museo do Gravado, Javier Expósito: «Somos un museo único en el mundo. Hemos aunado esfuerzos, hemos puesto ganas y poco a poco se van recogiendo los frutos que plantamos hace más de veinte años». O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, e a deputada provincial Soledad Agra tamén participaron no acto.