«Podemos dicir que hai dous tipos de planificación emocional: a que se basea nas experiencias históricas dos cidadáns e a que, sen ter antecedentes, provoca emocións e fainos sentir a gusto»
19 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O urbanismo que se leva facendo dende hai moitos anos é puramente funcional, e moitas veces nin sequera funciona, porque non é racional, menos aínda emocional.
Podemos dicir que hai dous tipos de planificación emocional: a que se basea nas experiencias históricas dos cidadáns e a que, sen ter antecedentes, provoca emocións e fainos sentir a gusto nas cidades e vilas. O primeiro parte da idea de mirar os espazos comúns para os habitantes da vila que son á vez particulares de cada un. Esta particularidade vén dada polas vivencias asociadas a eses percorridos cotiás que enchen de vida e significado a realidade de cada veciño e que, ao ser compartidos, crean comunidade.
É importante que os espazos comúns que compoñen o urbanismo (rúas, prazas, xardíns) non perdan de vista a relación dos cidadáns coa súa propia contorna. A suma de experiencias, movementos, emocións e memorias asociadas a estes espazos é o que constrúe a nosa propia percepción do entorno urbano.
Para provocar unha resposta emocional e animar ás persoas a comprometerse coa súa contorna, pódense usar varias estratexias para enraizar o deseño no seu contexto. Reutilizar o que xa está no lugar non só é unha opción sostible que minimiza o impacto, senón que tamén preserva a memoria do lugar. O uso de materiais locais conecta máis a arquitectura co seu contexto, reforzando a identidade cultural e permitindo aos deseñadores aproveitar o coñecemento local. Finalmente, as texturas e os materiais engaden riqueza visual ao entorno construído, implicando múltiples sentidos na percepción do espazo. Para pensar.