A casa da cultura de Boiro acolleu un acto na memoria do coñecido escritor
23 sep 2023 . Actualizado a las 21:21 h.A casa da cultura de Boiro acolleu un acto na memoria do recoñecido filólogo, político e escritor Ramón Martínez López. Na mesa redonda que se levou a cabo, coa que colaborou o Museo do Pobo Galego, tamén se puxo en valor a importancia do seu papel no Seminario de Estudos Galegos, do que foi un dos pais fundadores.
Ao comezo do coloquio, a concelleira de Cultura, María Outeiral, aproveitou a ocasión para lembrar aos presentes por qué a casa da cultura de Boiro leva o nome deste ilustre veciño. A continuación interveu a crítica de arte Mercedes Rozas, que agradeceu a implicación da Administración local á hora de dar a coñecer a este personaxe.
Tamén asistiron á cita os membros da asociación Barbantia Xesús Laíño, Aurora Marco e Amancio Liñares, que explicaron a relevancia do Seminario de Estudos Galegos, deron voz ás mulleres que operaban dentro da institución e fixeron un percorrido pola vida do autor destacando os momentos máis senlleiros.