A emigración, unha vez máis

BARBANZA

Bernardo Codesido

09 dic 2023 . Actualizado a las 10:01 h.

Sendo eu un rapaz imberbe, tiven por compañeiros de traballo a dous señores que non facían máis ca presumir do ben que o pasaran na emigración en Alemaña. Alí todo era grande, bo e barato; todo funcionaba ben e pola maneira de falar parecía que lles daban pan por durmir. Pola contra aquí nada había a xeito. A eles, que daquela, tirando polo baixo, ben me dobraban a idade, só acertei a preguntarlles por que, se tan ben estaban, se viñeron para acá. Case me pegan. E é que recoñecer a morriña parece que o temos a pecado, e ela é como o amor, algo que inexplicabelmente nos ata a un ser querido, á patria, ó terruño ou ó amor da nosa vida.

Ninguén emigra por pracer, e a touro pasado todo foron marabillas. Na nosa bisbarra non faltan coñecidos (en plural), que viviron ou viven na emigración, con mellor ou peor sorte, pero todos, sempre que puideron, acabaron volvendo, aínda que sigan falando dos seus anos aló como outros falamos das aventuras da mili; e é que a emigración ten demasiadas caras. Grazas a ela, moitos foron os fillos e os netos que puideron acceder a uns estudos superiores, aínda que logo, o seu traballo profesional os levase a coller as maletas para exercer nalgunha urbe sen corredoiras, niso que podemos chamar a emigración de proximidade, que afasta ás persoas do seu lugar de orixe, contribuíndo a este despoboamento que vai máis aló do rural e deixa nas nosas vilas a catro vellos pescando chopos ou plantando fabas.

Estes días, no Kiosco Alfonso da Coruña, hai unha exposición centrada na emigración ó Reino Unido, comisionada por Xesús Fraga e baseada, de maneira máis ou menos indirecta, nos datos aportados por este xornalista e escritor, autor do libro Virtudes (e misterios), recoñecido co Premio Nacional de Narrativa do ano 2021. Nesta exposición non faltan eses obxectos que os emigrantes traían como se fose un tesouro, dende a primeira libra gañada ata cámaras de fotos, máquinas de escribir ou vaixelas nun afán por acadar os bens que lles enchían os ollos.

Aí tamén se expoñen as cartas de recomendación ou de presentación dos empregadores, verdadeiros certificados de boa conduta que os retornados gardaron como un diploma de honra. O que máis me chamou a atención foi saber ver que non se permitía a entrada a mulleres grávidas, ou que a maioría das veces, quen primeiro emigraba era a muller, quen logo, unha vez instalada, reclamaba ó marido. Outras veces era unha moza solteira quen, cando conseguía un traballo, volvía para casar e regresaba co esposo de ganchete.

A exposición parece amosar a cara amábel, pero tamén está esoutra cara daquel tempo de morriña e soidade nos magnetófonos de cintas de bobina (os casetes non se popularizaron ata a década dos setenta), que se mercaban para mandar de viva voz os saúdos de Nadal cargados de sentimentos. E asemade, non podían faltar as fotos de Manuel Ferrol e Alberto Martí, onde se ve ben ás claras que emigrar non era unha brincadeira.

Aínda así, ó volver, aliviados por ter cumprido honrosamente co seu deber, era moi raro que ninguén falase mal do país que lle permitiu sacar a unha familia adiante.

De quen non se fala nunca é dos moitos que endexamais volveron.