Xabier Díaz: «Temos que procurar que a intelixencia artificial non agreda aos artistas»

Laura Ríos
Laura Ríos RIBEIRA

BARBANZA

O disco é o resultado dunha estreita colaboración entre Adufeiras de Salitre e o cantante.
O disco é o resultado dunha estreita colaboración entre Adufeiras de Salitre e o cantante. Carlos Abal

O coruñés pechará o ano cun concerto na Pousada da Galiza Imaxinaria, en Boiro

22 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Case non necesita presentación. Por se acaso queda alguén que non o coñeza, Xabier Díaz é unha das voces máis coñecidas do panorama musical galego e o próximo día 29 ofrecerá o seu último concerto do ano na Pousada da Galiza Imaxinaria, en Boiro. Esta actuación non só é un peche da tempada para o coñecido pandeireteiro, senón un pequeno cambio de ciclo, pois será a última vez que interprete sobre o escenario moitas das pezas que o levan acompañando enriba das táboas durante os últimos tempos.

Toda noticia potencialmente negativa adoita ter unha positiva para contrarrestar a dor e esta non é unha excepción, pois este cambio responde á necesidade de introducir no repertorio as cancións do seu novo disco Axúdame a sentir. O nome non é casualidade, xa que esa era unha das frases que máis lle repetía Obdulia, a súa avoa materna. «Era como unha especie de coletilla que metía ao final de todo, era algo moi particular dela», di.

A polivalencia desa curiosa expresión valeulle para aplicala dende unha perspectiva máis libre fiándoa coa necesidade de gozar da arte ou creala para poder conectar mellor coas profundidades do ser, con todo aquilo que adoita quedar debaixo da alfombra nas limpezas diarias.

Esta nova obra comparte nome coa súa próxima xira, que empezará a percorrer numerosas salas de Galicia o vindeiro 9 de marzo. Nela colaborarán as Adufeiras de Salitre, que unha vez máis volverán a compartir escenario co pandeireteiro. Para ir quentando motores e que os seus seguidores vaian coñecendo un pouco de que vai o seu próximo traballo, Díaz publicou hai tan só uns días o videoclip do sinxelo Rumboia viva.

A diferenza do que se adoita esperar da música tradicional, o tema inclúe pequenos toques de guitarra eléctrica que, combinados cos ritmos de sempre e a voz afinada e suave do galego, acaban por compoñer a escena perfecta dunha das moitas foliadas que se celebraban nas vilas galegas no século pasado.

Guitarra eléctrica

Se ben o son sempre é o protagonista das obras musicais, o certo é que as imaxes que van saíndo en pantalla conforme se visiona a peza audiovisual chaman poderosamente a atención. Ao principio parece que os espectadores son introducidos, coma se dunha viaxe no tempo se tratase, nun serán dos anos 80 ou 90, pola contra, pronto caen na contra de que as imaxes cambian de aspecto case a cada segundo que pasa.

O vídeo, que nace das gravacións que fixo o propio Díaz no seu tempo para recoller as danzas tradicionais, non é un simple recompilatorio, senón que utiliza a intelixencia artificial para dotar de maior movemento e vida aos bailaríns, que en moitos casos eran persoas maiores que xa non están neste mundo: «Quizais é un vídeo máis especial para min que incluso para os espectadores porque é a testemuña de que estivemos con aquela xente que xa non está». Sobre este tipo de ferramentas fillas da era de internet pensa que é bo darlles un uso, pero que «temos que procurar que non agredan aos artistas».

O toque de guitarra eléctrica que condimenta á perfección a peza deullo Manu Sija, un artista arxentino ao que Díaz convidou a participar no disco dada a súa boa relación persoal e profesional.

Preguntado pola a súa opinión sobre as colaboracións entre músicos cando estes nin sequera se viron en persoa, afirma que «eu veño doutro século, para gravar Manu quedou varios días na miña casa e baixamos varias veces ao estudo, eu necesito esa conexión entre seres humanos».

Pensa que a tecnoloxía ten que ser unha aliada dos artistas pero nunca substituílos. No seu caso, os milleiros de seguidores que ten e o seu talento son a proba indiscutible de que unha intelixencia artificial xamais lle chegará nin á altura dos talóns.