Bo trato fronte á dixitalización

Laura Ríos
Laura Ríos RIBEIRA

BARBANZA

Algúns libreiros teñen clientes que veñen dende que abriron.
Algúns libreiros teñen clientes que veñen dende que abriron. MARCOS CREO

Os libreiros agardan a chegada dos visitantes, que animan as vendas tras o longo inverno

20 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen ten un libro ten un amigo para sempre, un compañeiro de viaxe que nunca o vai abandonar. O mellor é que non se trata dunha amizade limitada, pois os lectores poden ir acumulando libros na busca de máis aventuras sen esquecer aos anteriores. Por iso o Día do Libro é unha data importante no calendario, porque lembra todas esas historias marabillosas que supoñen o berce cultural da humanizade. Por esta razón, cada 23 de abril se conmemora esta vía de expresión artística. O día escollido non é un calquera, xa que coincide so pasamento de grandes autores como Miguel de Cervantes ou William Shakespeare alá polo século XVII.

Vale que quizais agora non triunfan as historias de cabaleiros e doncelas, máis segue habendo aventuras que contar e xente disposta a gozar delas. Agora o que se levan son as narracións de intriga pensa Luz Estévez, dona de Kiosko Luz, en A Pobra. Aínda así, se lle preguntan directamente que é o que máis se vende, a profesional non dubida ao contestar que «os de Meghan Maxwell saen coma churros».

Facer unha afirmación así non é fácil, e máis nun mundo no que as compras en liña debilitan cada vez máis ao pequeno comercio local, que ve como os clientes prefiren adquirilo todo a través dun simple clic. Se non que llo digan a María José Maneiro, da libraría Andrea, que afirma que «os rapaces son inocentes. Algúns din diante miña ‘deixa iso aí que o collemos por internet máis barato’».

Fronte ás aparentemente infinitas vantaxes de mercar nas grandes superficies, a empresaria reivindica o valor da proximidade: «A xente pensa que aos concellos pequenos non chegan as novidades e nós esforzámonos en buscalas».

Pola súa banda, Rosa Tubío, da librería Espazo Lector Nobel de Boiro, considera que os meses de parón que sempre veñen despois do Nadal desta vez foron un pouco máis parados que outros anos, pero ten as esperanzas postas na chegada do verán. «A nós o turismo vennos ben porque a xente compra libros para ler na praia e incluso para regalar despois cando marchan». O mesmo considera Pablo Gómez, de Cándido, en Rianxo, que engade que a rapazada máis nova está apostando por formatos diferentes, como a banda deseñada xaponesa (manga), que non deixa de crecer en lectores.

As lecturas lixeiras desprazan aos autores de mellor calidade

Non todo o que reloce é ouro. Ás veces, esforzarse en facer algo o mellor posible non significa necesariamente que vaia ser un éxito. Esta podería ser unha explicación para a afirmación do pobrense Cipriano Pose, da librería Ler, que sinala que «a calidade literaria en ocasións xoga en contra do autor porque a xente busca lecturas lixeiras».

O barbancés pon en valor a plumas recoñecidas da comarca coma Antón Riveiro, mais recoñece que ás veces as presentacións de libros de escritores tan bos coma el poden resultar aburridas para o público xeral: «Ao final acaban sendo reunións para pouca xente». Aínda así, recoñece que hai numerosos veciños que seguen as obras dalgúns autores, sobre todo daqueles que son da zona ou tratan temas relacionados coa Pobra.