Barbantia afianza dúas décadas de traballo cultural colectivo coa edición dun libro único de relatos
BARBANZA
Coordinado por Antón Riveiro Coello, consta de 17 textos feitos para a ocasión por relevantes escritores vinculados coa entidade
22 abr 2024 . Actualizado a las 16:11 h.O acto mensual que a Asociación Barbantia realizará o vindeiro venres terá como protagonista á propia entidade, que cumpre vinte anos de traxectoria como espazo colectivo de cultura coa literatura como temón. Para conmemorar o aniversario, a editorial Galaxia publicou un libro único, baixo o título Historias de Barbantia. Promovido pola entidade, coa coordinación de Antón Riveiro Coello e con limiar de Manuel Cartea, consta de 17 relatos escritos para a ocasión por outros tantos autores de relevancia e relacionados con Barbantia.
Antón Riveiro Coello, que tivo a oportunidade de ler os textos antes da súa chegada á imprenta, destaca a súa calidade e o feito de que a temática de fondo de todos eles se desenvolve no Barbanza: «É un xeito de amosar a potencia literaria que temos na península e que foi un dos motivos polos que se iniciou a andaina da asociación».
Subliña o escritor que pon en valor «esa casa que é Barbantia, un lugar de encontro que axudou a poñer en contacto o eido cultural e a crear lazos de amizade».
Tamén ten palabras de agradecemento para a editorial Galaxia e para Francisco Castro por acoller a iniciativa, así como para o pintor Alfonso Costa pola ilustración da portada. Destaca a relevancia que vai ter porque «se vai ler en toda Galicia».
E un aniversario tan significado merecía un marco emblemático como é o pazo boirense de Goiáns. Alí comezará o acto ás 20.30 horas coa intervención de María Xesús Blanco, Natalia Carou, Riveiro Coello, Manuel Cartea, Marcos Calveiro, María Outeiral e José Ramón Romero.