Que cousos!

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

«Que teñen os cousos para que interesen tanto e para que se soubera tan pouco deles?»

22 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai algo oculto no corazón do Barbanza e que aflora por veces en coplas, lendas ou expresións populares: a tensión entre os modos de vida labregos ou mariñeiros. Nunha comarca como a nosa na época dos avós marcábanse distancias entre as aldeas do monte (ou a montaña) e as vilas do mar.

Estes días publiquei na rede social X un fío sobre os cousos, un tesouro etnográfico que temos nas parroquias ribeirenses de Aguiño e Carreira, e lembreime de aquelas rivalidades. Eu descubrira os cousos hai mil anos nunha mítica obriña de Domingo Regueira sobre o patrimonio municipal de Ribeira. Velaí aparecía a foto daqueles enigmáticos pozos.

Falando cos vellos, souben que foran estruturas fundamentais para o regadío dos fértiles campos de millo de Carreira e Aguiño, alí onde non había regatos de auga abundante. Como eran cousa seria, construíanos os canteiros. Desde unha ollada poética, parecéronme réplicas humanas da rica lagoa de Vixán. Así, tamén eran chamados pozos das ras, e hoxe son lar de diversidades. Javier Crugeiras deume máis detalles e fotos.

A historia dos cousos nas redes supera, para a miña sorpresa, as 106.000 visitas e mesmo moitos ribeirenses están sorprendidos dun patrimonio tan próximo e ao tempo tan descoñecido. Que teñen os cousos para que interesen tanto e para que se soubera tan pouco deles? Daría para moito. Pensei tamén que nese asunto da loita simbólica entre labregos e mariñeiros, no Barbanza ganou finalmente a xente do mar. Pero o Barbanza tamén sempre foi terra.