Areal de Carnota e Monte Pindo

PEDRO GARCÍA VIDAL

BARBANZA

ALVITE

A autenticidade e a beleza deste espazo necesitan protección

04 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Achégome a Carnota pola montaña e contemplo o espectáculo natural dende o anfiteatro-miradoiro de Louredo. Pedra e auga ocupan o escenario. Ante a mirada aparece, aos pés de tan extraordinario balcón, o arco que debuxa o areal de Carnota e as marismas de Caldebarcos, con Fisterra e o Atlántico como horizonte onde o sol se mergulla cada solpor. Na banda dereita asoma a pesada forma do Monte Pindo, un pedregal que destaca pola súa altitude (620 metros), o seu granito rosáceo, e as súas formas xeolóxicas. A paisaxe é aquí memoria fosilizada en pedra.

A paisaxe do presente, froito dunha longa travesía, fala da enormidade do tempo xeolóxico que nos empequenece. Antes de elevarse centos de metros, o granito do Pindo era magma incrustado na cortiza terrestre hai 325 millóns de anos, que logo de solidificarse aflora á superficie hai 200 millóns de anos como unha Moa en formas redondeadas que lle proporcionan as súas cicatrices. Dende aquela, cando Galicia formaba parte do megacontinente de Panxea que unía Europa con América, O Pindo constitúe unha estrutura sólida e practicamente inmutable. Posteriormente, Panxea comezou a romperse e Galicia desgaxouse da actual Norteamérica para converterse nunha illa rodeada de volcáns e unha costa acantilada. O macizo do Pindo é unha testemuña daqueles antigos acantilados de orixe tectónico que sobreviven.

O Xallas, o único río que atravesa o macizo, no seu traballo erosivo foi desmantelando parte do acantilado abríndose camiño cara ao mar. Un tempo despois, a colisión da placa ibérica coa placa euroasiática produciu o levantamento do macizo do Pindo ao igual que ocorre co resto da costa galega. Os ríos reactívanse, teñen unha segunda xuventude, encáixanse nos seus vales e forman as rías galegas. Porén, a natureza rochosa do leito do Xallas no seu tramo final, fixo que o río fose incapaz de desgastalo. O resultado foi a singularidade, aínda presente na actualidade, en forma de fermosa fervenza que se precipita ao mar: a proba do levantamento da costa galega.

Durante os últimos 2,8 millóns de anos, a sucesión de períodos fríos con períodos cálidos tivo efectos colaterais na zona de costa. Un deles foi a acumulación nos bordos costeiros de materiais erosivos en forma de praias como o inmenso e fermoso areal de Carnota. Ao mesmo tempo, comezaron a formarse os sistemas dunares, que na súa viaxe cara ao continente interceptaron pequenas enseadas, dando lugar á formación de lagoas litorais como a de Caldebarcos. Fronte á rixidez e estatismo do Pindo, aquí todo é lixeireza, fraxilidade, dinamismo.

Estas paisaxes de pedra e auga atesouran un poder simbólico, xunto a unha autenticidade e unha beleza que as fai únicas e diferentes. Porén, o acontecido este pasado verán puxo de manifesto como unha masificación sen precedentes polo efecto chamada das redes sociais destrúe de súpeto todo aquel encanto. Chámase aos visitantes de Instagram, que miran a paisaxe dun xeito acelerado e a través dos ollos dunha cámara. Seguidores da experiencia virtual e do relato global non ven o mundo como é, senón como as pantallas llelo amosan. Un turismo hiperlocalizado ten consecuencias tanto nas infraestruturas dos reclamos turísticos como nos seus ecosistemas. Por iso, é necesario que os habitantes e visitantes coñezan ese factor diferencial e único e cheguen a consideralo un valor irrenunciable.

Vista da praia de Carnota e as marismas de Caldebarcos dende O Pindo