«Dun mansa estoura almou»

ANTONIO PIÑEIRO

BARBANZA

CEDIDA

En Pepe Cáccamo resulta sinxelo entender o baile visual e sonoro entre a palabra e a imaxe

04 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

En Pepe Cáccamo resulta sinxelo entender o baile visual e sonoro entre a palabra e a imaxe. Ambas mudan na outra decote. Accións caligráficas que evolucionan ata fluír na mancha, sexa esta do cariz que sexa (espontánea, preconcibida, xestual, xeometrizante); composicións plásticas, lindes coa palabra, o signo, o lexema, o caligrama. Así vén sendo nunha das liñas de expresión referenciais dentro da escena artística galega.

Actualmente, formando parte dunha colección barbanzá, Dun mansa estoura almou é un seu exquisito traballo, ata o de agora non amosado publicamente. Trátase dunha composición que completa unha obra meirande, en formato de libro de artista, nun tamaño de 25 por 32, no que aparecen outros de equiparable factura, beleza e interese propositivo.

É unha das súas obras máis actuais, realizada no decurso dunha serie de liñas de traballo que abarcan a indagación arredor das posibilidades estéticas da escrita como imaxe, da lírica visual, plástica e conceptual, na hibridación que el vén probando hai xa anos, e que tivemos ocasión de constatar non hai moito en exposicións como a de Criptografías (xunto con Baldo Ramos, Santiago de Compostela, Galería Metro, xaneiro de 2024, e Vigo, AF Gallery, abril-maio de 2024).

No Dun mansa estoura almou, a sutil disposición dos elementos convida, como tamén é recorrente nel, a xogar co aparente. Cáccamo incentiva a ollada receptora cara á mesma actitude que a da intención autorial. Non a da predisposición ou a da preconcepción, senón a do albedrío.

Lírico meditativa

A imaxe, realizada en tintas ocre, terra e marela, recórdanos moito a pintura lírico meditativa que foi, e segue a ser, unha parte substancial da plástica galega desde hai décadas. Con elegancia neta e delicadísima factura, Cáccamo proponnos a descuberta anti-icónica que xa aquela nos propuña, escollendo a deformación como esencia e evidencia da diversidade, razón tan da arte coma do mundo.

Cáccamo, nunca afastado do ámbito povera, fai tamén principio do obxecto recuperado. Elixe a filosofía circular dos materiais artísticos. Fíxoo cos seus libros obxecto, coas súas colaxes, cos seus manipulados en cartón, ferros, madeiras, plásticos. Tamén cos artellos interpretativos relacionados coas mecánicas da escrita (exposición de Vilagarcía, 2007). Acó faino coas pegadas que o tempo foi deixando en papeis madurecidos, recortes, fragmentos aprazados doutras obras.

Sobre eles intervén a súa man reflexiva e metafórica con esta pinga coma de resina xenésica a engadir un matiz de relato á composición xa de seu forte, impactante, chamativa, na que Cáccamo busca ese resto de sentido alén do resto material, ese que se alberga na cousa detrítica como posibilidade, e mesmo como vieiro da fusión entre imaxe e a palabra.

A composición é un exquisito traballo que aínda non foi amosado