Adrián Mosquera: «A competitividade en París vai ser dura, pero estou encantado de vivila»

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O rianxeiro confirmou a súa presenza nos Xogos no selectivo de Sevilla

01 jun 2024 . Actualizado a las 19:02 h.

Adrián Mosquera (Rianxo, 1996) non vai faltar á cita cos Xogos Paralímpicos de París. Despois de conseguir a praza para España no Mundial de piragüismo celebrado o ano pasado en Duisburgo (Alemaña), o padexeiro vén de confirmar a súa participación na proba olímpica na Copa de España de VL3 200 disputada en La Cartuja, en Sevilla. Agora, co billete no peto, Mosquera tan só pensa en volver do país galo cunha medalla colgada do pescozo.

—Como está de forma?

Ben, din un salto de calidade e creo que a estas alturas estou mellor que o ano pasado. Fai dúas semanas foi o Mundial en Hungría —quedou sétimo— e puidemos comprobar que está todo moi parello. A partir do terceiro posto imos todos no mesmo segundo. Tanto o equipo coma min sabemos que a competitividade en París vai ser dura, pero estou encantado de vivila. Vémonos con posibilidade de medalla, aínda que coma min vai a haber nove ou dez persoas no mesmo tempo.

Quedan poucas semanas para os Xogos, como encara esta fase final da preparación?

—Dentro de un par de semanas vai ser o europeo, así que terei outra vez en fronte a peixes gordos como os ucraínos ou os ingleses. É a última proba antes de ir a París e queremos ver nela como seguimos evolucionando coa acumulación de adestramentos.

—Que características teñen os adestramentos antes dunha cita tan esixente?

—Buscan obter un pico de forma no momento desexado. A partir da semana que vén van ser sesións máis explosivas e específicas na miña distancia. Por outra parte, estamos probando outro tipo de embarcacións para poder ter un maior rendemento.

—Son os seus segundos Xogos Paralímpicos, encáraos dun xeito distinto aos de Tokio?

—A ver, para min vai a ser unha sensación especial porque son un Xogos. É a culminación para un deportista, a proba máis importante que se pode disputar. Sempre impón un pouco, pero despois de case catro anos dende os de Tokio teño moita máis experiencia. Sei como funcionan as cousas e como teño que actuar nun campo de regatas. Seguro que isto o vou utilizar a meu favor, tamén en canto á xestión da presión social e mediática.

—Imaxinábase estar a este nivel cando comezou no piragüismo?

—[Ri] Para nada. Cando eu empecei nin era un deporte paralímpico. Fíxeno por ocio, por practicar deporte e porque quería competir. Despois ao pouco tempo fóronse dando os pasos ata chegar aquí. Foi todo un crebacabezas que se foi completando. Funme poñendo obxectivos pequenos que fun cumprindo. Agora cando miro para atrás vexo que todos eles son un gran anaco da miña historia como deportista.

—Cal é a súa filosofía para afrontar unha competición como a de París?

—Ser optimista, pero tamén realista. A posibilidade de facer algo grande está aí porque os tempos o din. Estamos todos parellos, pero levarse unha medalla tamén depende da sorte e do pé co que te levantes ese día. Nunca está asegurada. O importante é saber que o traballo está feito e ir coa seguridade de que facéndoo ben os tempos van a chegar. Despois diso, o que teña que vir, virá.

—Moita xente estará pendente do seu resultado.

—Si, senta moi ben que se apoie o traballo que fago. Ademais dos obxectivos deportivos, ser recoñecido éncheme de orgullo. Estou moi agradecido ao Concello de Rianxo e a Xunta de Galicia polo apoio. Tamén ao Rías Baixas-Boiro, que é o meu club e pon todo e máis para que eu estea nas mellores condicións. Este ano cumpro unha década con eles e agradézolle mil a súa labor.