![](https://img.lavdg.com/sc/2DLE-aoDnyOeNqvljBfvFDJjQX0=/480x/2024/05/31/00121717174621883506717/Foto/BJ1C5F2_185532.jpg)
Na sala ribeirense inaugurouse unha mostra con 49 viñetas humorísticas
01 jun 2024 . Actualizado a las 14:22 h.Laxeiro é unha das figuras máis coñecidas e recoñecibles da cultura galega do século XX, porén, os seus inicios non o son tanto e agora o Museo do Gravado de Artes ofrece a oportunidade de achegarse a esa primeira etapa do artista a través das viñetas humorísticas que publicou cando era só un mozo e que nunca antes puideran verse reunidas todas xuntas. Esta recompilación de 49 ilustracións colga das paredes da sala ribeirense grazas á colaboración entre a Fundación Laxeiro e a Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital e dos concellos de Vigo e Ribeira.
Durante a inauguración da mostra Os monos de Laxeiro púxose de relevo a importancia do acto subliñando que a exposición é un acontecemento cultural de primeira orde, xa que nunca antes se vira esta obra na súa totalidade. A colección está formada polas viñetas que o artista publicou nos diarios El Pueblo Gallego e Faro de Vigo, entre os anos 1928 e 1930.
En realidade, o que se pode ver nas salas do museo ribeirense son reproducións fotográficas realizadas ao tamaño real das viñetas, dado que os debuxos orixinais están perdidos. Procurouse, indican dende a fundación que leva o nome do artista dezán, respectar tanto a cor de fondo similar á do papel de periódico como as formas idiomáticas orixinais, sen adaptar os textos das viñetas ao galego normativo actual.
Colaboración mutua
Así se explicou durante un acto de presentación que estivo conducido polo director do Museo do Gravado, Xoán Pastor Rodríguez, que cedeu a palabra ao presidente da Fundación Laxeiro, Javier Pérez Buján, quen manifestou o seu agradecemento aos concellos de Vigo e de Ribeira pola colaboración mutua para facer posible a chegada da exposición a Artes.
O seu homólogo ribeirense e alcalde, Luís Pérez Barral, reiterou este agradecemento, antes de afondar na época histórica na que se enmarcan as viñetas de Laxeiro, un momento, sinalou, «de auxe do humor galego que vai de 1909 á Guerra Civil. É o momento dos novos, de anovar a arte galega, de mesturar o enxebre coas leccións da vangarda europea».
Subliñou tamén o presidente da Fundación Museo de Artes que a exposición é de grande interese «para comprendermos as orixes artísticas de Laxeiro, os seus primeiros pasos», e rematou dando de novo as grazas por «permitirnos mostrar neste museo os inicios dun gran artista e unha cara bastante descoñecida do seu quefacer».