Festivo no San Xoán

BARBANZA

San Juan, hogueras en Rianxo
San Juan, hogueras en Rianxo DANI GESTOSO

Na dura mañá do 24 de xuño o país enteiro é un clamor

26 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Na dura mañá do 24 de xuño o país enteiro é un clamor. «Este día tiña que ser festivo», escoitábase nos grupos de Whatsapp, nas cafeterías e polas rúas. Tiñamos todos aínda ese cheiro pantasma a sardiña que nos parece que nos queda entre as unllas, impregnado no asfalto e na roupa do veciño.

Pensei que nesta demanda colectiva por un festivo galego de san Xoán hai unha interesante marca do cambio da sociedade galega. Pedimos un festivo para unha celebración ritual que nin sucede nas igrexas nin baixo o control da Igrexa.

O san Xoán debe ser das poucas festas comunitarias que non perdeu vigor co proceso de urbanización e modernización da sociedade, e que mesmo se potenciou. Ao solpor da noite do 23 de xuño, se vostedes botan un ollo aos feeds das súas redes sociais, verán o abraiante regueiro de fogueiras que prenden por todas partes a través das fotos que soben os amigos. Pensei en algo que marabilla: os especialistas estiman que o Homo sapiens comezou a controlar o lume hai uns 1,5 ou 1,8 millóns de anos.

Era un universo dependente das estacións, as secas, o frío e o sol. O san Xoán naceu, moito antes dos propios santos, como intento para controlar simbolicamente no solsticio eses poderes do universo, convocándoos xunta nós.

Tanto tempo despois, os galegos seguimos fascinados polo lume prendido e saltado que dá a benvida ao verán. Antes os festivos celebraban o calendario das relixión cristiá e desoutra relixión que é o Estado. Porén, o san Xoán celebra o calendario da humanidade.