O Museo do Gravado exhibe 68 debuxos orixinais de Castelao

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A mostra inclúe as pranchas usadas para a súa publicación

13 jul 2024 . Actualizado a las 18:40 h.

No ano 1925, a través do xornal vigués Galicia, viron a luz 68 debuxo de Castelao inspirados na figura humana. Un lustro despois, esas ilustracións foron empregadas na obra Cincoenta homes por dez reás. Agora, tanto as estampas orixinais como as pranchas de cinc que se utilizaron para a súa primeira publicación están a disposición do público no Museo do Gravado de Artes.

Aínda que este centro adoita exhibir fondos propios, nesta ocasión, debido á escaseza de obras gráficas que se conservan do rianxeiro, recorreu a unha cesión dun coleccionista privado de Pontevedra, Roberto Taboada. Foi el o que recuperou as pranchas nos anos 90, despois de que estiveran varias décadas esquecidas nas instalacións do xornal Galicia, onde foron elaboradas. As estampas representan determinados caracteres das persoas e amosan o humor irónico e a sátira de costumes nos que se enmarcan os traballos do galeguista.

«Castelao une texto e ilustración para reforzar a ironía e comprender ben as imaxes, por iso no volume de 1930 mellorou os pés dos debuxos para conseguir unha máis acaída ironía satírica, un humor máis retranqueiro e así satirizar comportamentos morais e sociais», explicou no acto de inauguración da exposición, que tivo lugar a última hora da tarde do venres, Xoán Pastor Rodríguez, director do Museo do Gravado de Artes. Os debuxos que viron a luz no xornal Galicia apareceron despois nun álbum editado por Ánxel Casal en Nós no 1930, reeditado no 1931. Trala Guerra Civil e o exilio, apareceu en Bos Aires a versión Cincoenta homes por dos pesos; mentres que a terceira edición da serie, de novo en Galicia, chegou no 1969 da man de Galaxia.

Pastor Rodríguez destacou a colaboración do Concello de Rianxo na edición do catálogo que acompaña a exposición, que en xaneiro será exhibida na vila de Castelao. No acto tamén participaron Roberto Taboada; Javier Expósito, fundador do museo; Pedro Luís Martín, presidente da Asociación Galicia Histórica; Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura; e Luís Pérez, alcalde de Ribeira.