Demos un longo paseo polas parroquias de Posmarcos e Lesón, na Pobra do Caramiñal
16 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Osábado pasado tiñamos pensado subir, dentro dunhas actividades do programa Rutas de Historia, ata os chans do Barbanza pasando por esa xoia pouco aproveitada que é o castelo de Vitres e a súa contorna. Como a meteoroloxía non daba confianza, apostamos por un plan B e demos un longo paseo polas parroquias de Posmarcos e Lesón, na Pobra do Caramiñal.
Ambas as dúas son parte do corazón simbólico do Barbanza. Posmarcos garda o nome ancestral do territorio en época prerromana; a igrexa de Lesón foi remolada, canda outras, polo famoso arcebispo Xelmírez no século XII. Que de aquela estivera nun estado ruinoso fainos especular co vella que pode ser.
No paseo comprendemos o poder do mosteiro de san Martiño Pinario, entendemos as diferentes significacións e usos dos cruceiros, admiramos as casas forradas de vieiras, visitamos as orixes da produción hidroeléctrica en Galicia, falamos do cisma de Avignon e a obediencia rebelde ao papa de Roma desde o recuncho do mosteiro da Miserela; coñecemos a recuperación da tradicional uva raposo e visitamos o espléndido castro da Croa, recentemente adquirido polo Concello da Pobra.
Como nos dixo Teresa a Bolaña no camiño sobre os vellos habitantes da acrópole, «aqueles mouros xa eran máis ca nós». Boa parte dos arredor de 60 participantes coñecían A Pobra, como núcleo turístico que é. Case ningún sabían deste rico interior municipal que esconde. Isto pasa en todo o Barbanza: volcado na súa promoción e visibilidade soamente ao mar. Pero o interior da comarca ten moito por contar!