
Acolocación do dispensador de papel hixiénico nos cuartos de baño non vén debuxada nos planos, polo que queda ao libre albedrío do operario que os coloca, que moitas veces é o dono da vivenda. Tamén é certo que o espazo para colocalos depende da organización das pezas do baño, que si vén debuxada no proxecto. Parece unha parvada de última hora, pero non o é. Cando alguén deseña un cuarto de baño debe telo en conta e mesmo suxerilo para evitar erros que sufrimos a diario. Xa non é o primeiro que encontro fronte ao inodoro a maior distancia do que mide o brazo, polo que che obriga a levantarte para collelo, ou collelo antes de sentarte no váter.
Outras veces colócano a carón do evacuador e hai que facer contorsionismo para tomar o papel, ximnasia que nese momento non desexas facer, só acabar a tarefa. Polo xeral, as mulleres usan o inodoro sempre sentadas —hai excepcións—, pero tamén hai homes que se sentan para non ter que practicar a puntería, polo que a altura de colocación tamén é importante. Por regra xeral, colócase á altura cómoda de estar sentado, polo que quen evacúa de pé ten que facer flexións para usalo, se o usa, porque cando hai só urinarios —nos aseos públicos— non teñen costume de pór papel hixiénico, algo que me parece unha porcallada porque non podes secar os últimos efluvios que che quedan.
Estou seguro que moitos de vostedes fixeron en privado estas reflexións, pero nunca o vin publicado, cando a manobra de tirar polo papel faise varias veces ao día, incluso ás veces pola noite. Tema importante para pensar os que montan cuartos de baño.