Trinta obras competirán por gañar o premio de literatura infantil Carlos Mosteiro
BARBANZA
![Lojo, Briones, Tembra, Blanco e Calveiro durante a presentación desta edición](https://img.lavdg.com/sc/9WetCSdYl3EClY3dICW_hqQ60pk=/480x/2024/09/02/00121725280321534636679/Foto/BS3C4F1_143017.jpg)
O gañador recibirá 3.000 euros en metálico
06 nov 2024 . Actualizado a las 20:40 h.Rematado o prazo de recepción de orixinais, un total de trinta obras compiten para gañar o premio de literatura infantil Carlos Mosteiro, que impulsa o Concello de A Pobra xunto coa Editorial Galaxia e a agrupación cultural Barbantia. O galardón chega este ano a súa sétima edición convertido nun certame de referencia a nivel galego pola súa alta participación e a calidade dos traballos presentados.
Antes de coñecer ao gañador dos 3.000 euros, o xurado terá un traballo duro, pois antes de tomar a decisión deberá ler estas trinta obras que entran na competición. Marcos Calveiro, director de edicións Galaxia; Pilar Sampedro, vogal da asociación Barbantia; e José Luis Baños, gañador da última edición deste certame, foron os elixidos para levar a cabo esta importante tarefa.
A concelleira de Cultura pobrense, Patricia Lojo, insistiu na importancia deste premio «que busca non só promover a produción literaria, senón tamén ofrecerlles lecturas de calidade e en galego ás novas xeracións». Ademais dos 3.000 euros, a obra gañadora será publicada na colección Árbore de Xerais, e repartida entre os nenos do municipio.